Din que quen non vai a Santo André de Teixido de vivo vai de morto. Porque hai promesas que nos atan, como fíos invisibles vencellados á terra, á memoria, ao que fomos e ao que devecemos por ser.
De sempre sentimos a necesidade de sermos protexidos e guiados por algo ou alguén superior a nós mesmas. Por iso moitas culturas ao longo da historia crearon deidades e símbolos que nos acompañan, ás veces ata hoxe .
Eses vínculos materiais coa espiritualidade expresáronse por medio de amuletos e talismáns, obxectos que levamos con nós ou gardamos ben preto, convencidas de que nos conceden seguridade, guía interior e o coidado que ás veces precisamos para seguirmos camiñando.
Nesta décimo terceira edición escollemos como emblema os Sanandresiños de Teixido: pequenas figuras de pan, cera ou barro que viaxan nas romaxes e gardan, en cada forma, unha arela . Porque, ás veces, para sobrevivir, hai cousas que cómpre facer: modelar un soño, acender unha candea, gabear ata un cantil ou narrar unha historia…
Cada figura é un desexo cun corpo pequeno e unha alma antiga: a man ábrese á amizade e guía con sororidade; a pomba voa por riba das feridas; a coroa de Santo André é o escudo contra o medo ao outro; o Santo garda a vida para convivila; a barca é compañeira de quen marcha e regresa; o peixe, fartura sinxela, promesa do sustento; a herba de namorar danza cos ventos e a escaleira leva os nosos pés alá arriba onda ás estrelas.
A nave que leva os Sanandresiños é tamén a nosa: unha barca de palabras que nos permite chegar a porto, mesmo cando o mundo semella navegar aloulado por discursos que afunden toda humanidade. Nestes tempos convulsos a palabra pode ser tamén pomba da paz, sobrevoando ruídos que confunden o rumbo, levando mensaxes de consolo a quen as precisar. As historias son escaleiras invisibles que nos permiten subir por riba das derrotas. E cada conto, cando é verdadeiro, arrecende como unha flor, abrindo camiños no ar para aqueles que prenden o sono con medo.
Como os colares de dentes, as pedras de seixo ou os feitizos murmurados por menciñeiras, a narración oral é un acto de protección, de presenza, de fe na humanidade. A voz que conta salva. O oído que escoita constrúe acubillos.
Por iso, nesta edición número trece —ese número que tantos temen e nós celebramos— poñemos a nosa confianza na palabra viva. Porque quen non vai de vivo, vai de morto. Pero quen conta, quen escoita, quen leva consigo unha barca de historias… ese vai sempre de vivo, porque leva canda el a memoria como amuleto.
SOLE FELLOZA
DIRECTORA DO FESTIVAL

