Festival Atlántica
Participantes
Programa
  • Adultos
  • Infantil e familiar
  • Atlántica 2025
    • Entradas
    • Equipo
    • Apoios
  • Tenda
  • Contacto
  • EDICIÓNS ANTERIORES
    • EDICIÓN 2024
      • Programa adultos 2024
      • Programa infantil e familiar 2024
    • EDICIÓN 2023
      • Programa adultos
      • Programa infantil e familiar
  • Atlántica 2025
    • Entradas
    • Equipo
    • Apoios
  • Tenda
  • Contacto
  • EDICIÓNS ANTERIORES
    • EDICIÓN 2024
      • Programa adultos 2024
      • Programa infantil e familiar 2024
    • EDICIÓN 2023
      • Programa adultos
      • Programa infantil e familiar
ATLÁNTICA

Atlántica e as baleas

O Canto das baleas de Dyan Sheldon foi dos primeiros contos que narrei. Poucas veces escoitei o silencio co que a platea me agasallou, no momento no que Lily enche de luz a xanela cos seus ollos abraiados. Que a gusto fican cativos e maiores cando descobren que o tío rosmón non leva razón e que esa historia contada pola avoa non é cousa de vellas que perderon a cabeza.
Como a nena da historia soñei moitas veces con durmir á beira do Atlántico e espertar na noite vendo a danza das baleas no horizonte. De acordo co conto, se lles fas un agasallo elas cantarán para ti.

Quen sinta unha balea cantar, escoitará unha música eterna. E isto non é conto: os científicos foron quen de descodificar o significado dos berros, rabexadas, xemidos e urros das baleas. Todo un rosario de distintos sons para falaren entre elas.

Os machos novos de xibardo aprenden as “cancións” trisco a trisco, escoitando os seus conxéneres. E cando dominan a melodía introducen variacións que repiten unha e outra vez, como os versos dun poema que as ondas levan polo mar abaixo.

Unha melodía comunitaria, composta por voces diversas e a memoria colectiva.

Tradición oral das profundidades.

Nas sagas nórdicas, Hafgufa, o “vapor do océano”, é un monstro tan terrible como Mocha, a balea que inspirou a Melville.

Pero noutras culturas, a balea é a resurrección e a vida.

Nas augas máis ao sur que teño andado faláronme dun mariñeiro ao que as baleas afundiron o barco, pero a él levárono a terra na súa chepa e desde ese día recítalle ás estrelas.

Os Inuit renden agradecemento eterno ao ser que lles devolveu a vida e quitou a fame.

Para os mapuches, as baleas son as que transportan a alma dos mortos ao máis aló.

Din que ver baleas é de boa fortuna e que a súa chegada anuncia algo novo, algo bo.

O verán pasado regresaron a Galicia.

Non sei se cantaron.

Quero pensar que o Festival Atlántica de Narración Oral convoca este ano voces de distintas cores para crear unha melodía que lles namore desta terra e nos deixe un agasallo.

Ao final, estamos ao mesmo: contar e cantar a un tempo unha historia de lonxe e nos fai viaxar por un mar que, como cada ano, chama por nós.

 

SOLE FELLOZA
DIRECTORA DO FESTIVAL

WEB ALOXADA EN
CO APOIO DE