Festival Atlántica
Participantes
Programa
  • Programa infantil e familiar
  • Programa adultos
  • Atlántica 2022
  • Equipo
  • Apoios
  • Contacto
  • Atlántica 2022
  • Equipo
  • Apoios
  • Contacto

All posts by admin

14/042014

CRONICAS ATLÁNTICAS IV- Quico Cadaval “Por amor de deus”

quico

 

CONTOS POLA ZONA VELLA DE COMPOSTELA

18:30 h­ Dende a Igrexa de San Fiz

Diante  da Igrexa  de  San  Fiz,  nunha  terraza,  varios  dos  contadores  e  contadoras  toman  un  café mentres  chega  a  xente.  Un  dos  voluntarios,  Alex  Braganha,  vai  colocando  “gomets”  azuis aos participantes que van chegando para escoitar a Quico Cadaval.

Un nutrido grupo comeza a congregarse diante da igrexa de San Fiz. Ao fin Quico, cunha camisa vermella a cadros e o pelo alborotado, ponse diante da igrexa a falar sobre como a igrexa de San Fiz é considerada o primeiro templo de Compostela e de como alí, o ermitán Paio ve as primeiras lumínidas que indicaban o lugar exacto do sepulcro do Apóstolo. Dende a chegada dos casteláns, Paio era considerado un parvo.

Quico propón cambiar de situación e dirixímonos á praza de Mazarelos.  Movémonos e os coches e motos protestan ca bucina ante a indiferenza inicial do grupo. Movémonos paseniño, sen presa, polas rúas graníticas de Compostela. Na praza uns nenos  e nenas xogan  co patín  e a pelota. Os estudantes da facultade de filosofía mirannos de esquello. Dunha terraza próxima chega o ruído da xente faladeira. Un par de estudantes cun bocadillo na man, achéganse curiosos a poñer a orella.

Os ruídos da  cidade molestan  a  escoita, pero fai que o grupo se xunte máis  e poñan toda a súa atención a cada palabra que Quico di. Alí, ao lado do “símbolo do feixismo que xa se falará outro ano”, fala de Francisco Xavier, o considerado o apóstolo da India, que viaxara ata Xapón onde era considerado atractivo pola súa xente e onde evanxelizou durante máis de dous anos.

Ata os santos te apalpan a perna

Francisco Xavier a Ignacio de Loyola

quico1

Quico chama a Yoshihira Hioki, residente en Barcelona, para falar algo máis de Francisco Xavier, e de por que fracasou a evanxelización en Xapón. A xente espera e escoita as respostas de Quico, de como o medo ao colonialismo foi o motivo principal do fin da evanxelización e como son os cristiáns os que levaron ó tabaco ao Xapón.

Volvemos a cambiar de lugar, esta vez diante da Igrexa de María Salomé (Rúa Nova), a peixeira, onde Quico nos describe  como falan algunhas peixeiras na praza:

Que está a cheirar aí? Que está a cheirar aí? Cheiráronlle a cona para casar?
Deixe de apalpar o lirio… ou pensa que é unha pirola?

A xente segue acercándose e sorrí con algunhas das historias que consegue escoitar dendo o fondo, sen molestar, aínda que algúns comentan:

–  Está hablando en gallego
–  Pues vámonos.

Quico conta que en San Andrés de Teixido non se pode matar aos réptiles e asegura que non vai ir de vivo para poder ir de morto.

–   Bravo – berra un cativo, que apenas comezou a camiñar.

Seguimos  camiñando pola rúa Nova  cara  a  catedral. Parece que os cans póñense nerviosos  e as gaivotas berran mentres voan polos tellados da zona vella. Camiñamos pola Conga e chegamos ata San  Paio,  o  lado  do  pub  Modus  Vivendi.  Alí  Quico  falou  do  baixo  relevo  da burra de  Belén, aclarando que é a da fuxida de Exipto e non a do portal, porque pódese ver ao neno en brazos de María.

Lembrándonos a data na que estamos, Quico berra:

Viva San Patricio!!
Viva!!

Volvemos camiñar ata a Travesa de San Paio de Antealtares ata o Preguntoiro. Quico vai falando con Avelino González, ó que se escoita rir dende calquera punto do grupo. Xa en Cervantes imos
cara a Ruela de Xerusalém, diante da oliveira.

Por fin  algo  de silencio parece  acompañarnos,  é un lugar tranquilo  onde os ruídos da xente,  do tráfico,  dos  cans,  desaparece.  Podemos  escoitar mellor  a  voz  de  Quico,  que se  apoia  na  árbores mentres tocan a cuartos, son case as 20 h, o tempo pasou voando, entre lendas de “mans de santos que cheiran a rosas e lirios e que saen da súa furna para firmar no papel dun Papa sorprendido”.

Unha última parada, entre a Algalia de Arriba e a Algalia de Abaixo, a zona xudía da parte vella de Compostela, vixiad@s por un pallaso pintado en vermello na parede dunha das casas. Alí fala de
como o mosteiro de San Lourenzo ten forma de grella en honra o santo que leva o seu nome, santo que cando o estaban a torturar sobre unha grella e segundo a lenda dixo: Dádeme a volta, que por
este  lado xa estou  feito!!  Conta  como moitas  cidades  deben  a súa existencia  polos  corpos  dos santos que foron transportados  e vendidos por anacos,  algúns  ata teñen dúas ou tres cabezas  en distintas igrexas, capelas ou catedrais do mundo, incluso houbo un emir que vendía cada catro anos a cabeza dun santo.

Cun obrigadísimo,  Quico remata  esta ruta  por  algúns  dos recunchos  de Compostela,  ca  luz  do anoitecer  e o laranxa da lámpada dun farol  colocado no seu momento para  eliminar  as sombras
dunha calexa sen saída. A xente aplaude con ganas e vai saíndo cun sorriso e falando sobre o que van  lembrando  e  do  que se  contou.  Algúns  e  algunhas  irán  a  tomar  algo  e  para  casa, mentres outr@s continuarán a xornada nalgún dos espectáculos que ofrece a cidade.

Ler máis
22/032014

Crónicas Atlánticas III. Cándido Pazó.

Esta vez tivemos que coller o coche para ir ver O Decamerón, unha particular adaptación realizada por Cándido Pazó da obra de Giovanni Boccaccio.

No escenario do Auditorio da Ramallosa, un percheiro e un sillón ao que se lle poden ver as tripas, repousa baixo unha luz vermella e sobre unha alfombra redonda da mesma cor. Faise a escuridade e o acenderse a luz pódese ver a un Cándido Pazó sentado, vestido cun traxe branco e zapatos da mesma cor. Na man unha copa da que bebe sedutor.

Fala do Decamerón, de como Boccaccio escribiu cen historias contadas por tres rapaces e sete rapazas novas durante dez días. Cándido Pazó é un experto na creación de espazos, no uso dos materiais que hai en escena, no uso da voz, como se fose un contador antigo, que de pobo en pobo vai contando historias de sempre. Con todos estes mimbres, pouco a pouco, ca música, cas palabras, cos xestos, vainos introducindo en cada unha das historias que nos lembran, entre risos cómplices, a unha actualidade candente, a unha realidade que se repite.

Ana Ponte
Ler máis
22/032014

Crónicas Atlánticas II. María da Pontragha.

Cando chego ao pub Atlántico teño que quedar de pe. Está cheo dez minutos antes da hora. car rentals . Pili está na barra atendendo os últimos pedidos das primeiras copas ou cervexas do público que espera, falando animadamente, a María da Pontragha.

Mentres, María está nas escaleiras do local, nerviosa pero sorrinte.

Como xa é costume dende fai moitos anos no pub Atlántico, soa a Pantera Rosa. Soledad Felloza, directora de Atlántica, sae sorrinte para falar desta segunda edición do Festival Internacional de Narración Oral, que dera comezo con Mercedes Peón no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi) e por suposto presenta cun gran aplauso a María da Pontragha.

María amosa o seu nerviosismo, non o disimula, e saca o xersei porque tanta humanidade desprende moita calor. María ten unha gracia natural, comeza a falar cun sorriso nos beizos, asegurando que as mulleres da súa familia son mulleres de moito carácter, bravas, cousa que ninguén pon en dúbida.

O longo da súa contada fai rir a xente cas súas ocorrencias, ademais de cos seus contos, e adorna algunhas das súas historias cun canto que a xente agradece con aplausos.

Cando María remata, o público aplaude cun sorriso moi amplo nos beizos, porque María é unha contadora doce na fala e no xesto que lembra as sabias mulleres da aldea que contan ós demais ou entre elas historias baseadas no mito e na experiencia.

Ana Ponte
Ler máis
22/032014

Crónicas Atlánticas I. Mercedes Peón

Pouco antes das 19 horas vou correndo polo Obradoiro ata o edificio enfrontado espacialmente ca Catedral, o Pazo de Raxoi. A sala onde Mercedes Peón falou está na terceira planta, unha sala de madeira cunha pequena tarima, unha pantalla para as proxeccións e un estupendo piano de cola. Sobre unha mesa de cristal, uns micros esperan as voces das nosas convidadas. Mercedes quítase o abrigo marrón escuro de coiro e senta a carón de Margarita Ledo.
Cando xa é a hora, Soledad Felloza presenta o Festival Atlántica cun vestido branco, corte anos vinte, e deixa paso a Margarita Ledo que presenta á súa vez a Mercedes Peón.
Mercedes leva máis de 10 anos percorrendo aldeas na procura de información sobre a tradición oral e musical galegas.
Neste tempo ten observado como os corpos se relacionan, como homes e mulleres bailan e se expresan. Fala do matrilinaxe existente en Galicia, do lecer da escoita de pandeiretas e das voces femininas.
Quere romper ca idea que moitas veces se transmite dende os grupos de baile, esa idea sistémica, xa que ela ten observado como homes e mulleres bailan e sacan o punto de baile sen importar quen o faga, sen normas. Bailan homes con homes, mulleres con mulleres, non importa como, só importa bailar, expresarse, comunicarse a través dos corpos, do baile. Nos vídeos que Mercedes nos ensina, pódese observar como as mulleres non esperan a que o home remate o punto, comezan cando saben que punto é, ou elas mesmas o comezan, xa que non importa quen o saca. O que fai bo a un bailador ou unha bailadora é esta comunicación dos corpos. De feito Mercedes anímase a intentar sacar un dos puntos que vemos nun dos vídeos, amosándonos a dificultade dos mesmos.
Cando as tocadoras entran no mercado industrial, Mercedes pregunta: Pero están inventando?
Comenta que as filas dos grupos actuais, son moi militarizados, pérdese a algarabía, a idea de comunicación ca parella que tes enfronte, é un xeito falocéntrico, cunha masculinidade e feminidade moi marcada sobre os escenarios, espérase a rematar o punto e comezas a facelo cando remata. “Agás que sexa algo estético ou unha fantasía aceptada”

Ana Ponte.
Ler máis
WEB ALOXADA EN
CO APOIO DE