All posts by Atlantica
Devecendo por se mergullar nun mar de historias, o público ateiga o Modus Vivendi nun frío mércores de marzo.
Preséntasenos Marian Colina, unha inqueda moza de grandes ollos que actúa por vez primeira no Festival.
Comeza a borboriñar timidamente, pero logo descubrimos que detrás da súa
apariencia fráxil se agocha unha muller forte, curtida en mil batallas alí onde a levan as ondas
da vida dende ben nova, cando destemida botou a andar polo mundo adiante.
Cun discurso coidado e unha linguaxe cercana e sen artificios, trasládanos primeiramente ao
barco de Capitán Derek, enxeñeiro mecánico reconvertido en rudo chatarreiro submariño, que
lle confía a súa vida en cada inmersión. E danos unha lección de vida con metáforas de
navallas valentes que non dubidan en gabear pola cuberta do Okabango para recuperaren a
liberdade perdida. E medra a medida que avanza na súa actuación…E vólvese xigante ao
relatar as vivencias dun amigo dela, sobrevivinte nato onde os houber, cunha historia de
superación e valentía que nos demostra que mesmo inicios calamitosos son compensados con
finais esperanzadores. Á presenza gozosa de paradoxos no seu relato engade o poder
reflexivo, sabedora de que a historia nos está chegando aos ósos, e dota ao protagonista
dunha alma que non lle cabe no peito.
Sen tregua para o espectador enganchado ás historias de fascinación, carraxe e inxustiza que
Marian ven de compartir, entra en escena unha muller de recatado xesto espallando maxia coa
súa simple presenza: Cucha del Águila, unha das promotoras da narración oral no Perú.
Licenciada en delicadeza e máster en intuición, a súa bagaxe como contadora vai parella coa
humanidade que transmite, que te gana, cando de forma magnífica constrúe e relata a historia
de Luna, amante furtivo e enigmático. Transmítenos cruamente o que pasa cando nos
volvemos escravos dos propios desexos; como a razón se esvaece e consegue virarnos fráxiles
e vulnerables, submisos ante ilusións que nunca serán realidades, sen nos importar os límites,
sen nos decatar das consecuencias. Personaxe e narradora mestúranse para exploraren a débil
e susceptible psicoloxía do amante furtivo e incestuoso, que perdeu a cabeza e ascendeu na
noite para se converter no astro da memoria. A xestualidade, a súa voz cálida e movementos
case etéreos trasládannos á selva amazónica, onde ceo e terra conviven en prefecta harmonía.
Cucha engade ao seu relato unha fermosa e ensoñadora música, e, sen case descricións,
conxugando danza e oralidade, eslúese como contadora e pasa a ser unha creadora de soños,
unha facedora de vida.
Resignados, os espectadores volven á frialdade da noite, coa mente aínda nas historias de
dúas encantadoras de orellas, contadoras de xestas e tranmisoras de aconteceres.
Fotos- Mino Andrade- Amparo Portabales- Texto- Pilar Corral