Luns 14 de marzo de 2016 – 21:00

Despois de recolocar un foco para non cegar ás contadoras, éstas chegan algo tensas e expectantes. En A Senra Café todo está preparado, cadeiras e mesas orientadas cara unha pequena tarima a modo de escenario, ao fondo unha tea negra. Roberto, o dono, vai sementando saúdos e sorrisos tras da barra, pendente de que todo saia ben.

Xa preparadas, Ana Sofía Paiva e Ángeles Goás escriben algo nunha mesa alta do fondo e logo, mentres a xente vai rematando de entrar e pedindo as súas consumicións, sentan nun sofá amarelo que está ao lado da tarima.

A xente fala e rí esperando con paciencia a que a música de fondo deixe de soar. Sube ao escenario a directora do festival, Soledad Felloza, que presenta con agarimo á primeira contadora, Ángeles Goás. Da que dí que ten a voz do tempo, das historias que se contaron e medraron.

Cando queda soa no escenario, Ángeles comeza a contar paseniño, un tanto naif, cun sorriso inocente e xesto suave. As súas verbas son sobre os medos, sobre como nos desacougan e nos impiden facer cousas.

25770609386_35fc77b0d3_o 

O medo é libre pero nós temos o poder de darlle a liberdade que queremos, non a que el queira.

Algunhas das cousas que conta son anécdotas cas que o público empatiza e sorrí cómprices lembrando algo que eles mesmos viviron… ou lles contaron.

Cando Ángeles Goás remata, o público aplaude con ganas e sorrisos. Cando ela baixa dalle paso a Soledad Felloza que fai entrega dunha das bolsas de Mistelánea que, como o ano pasado, sortea entre a asistencia a este día.

25495971010_4d204f677e_o    25701563341_d6943f4f42_o

Despois de repartido o premio presenta a Ana Sofía Paiva que sube pertrechada cun precioso colar de flores encarnadas. Comeza cantando. Ana Sofía crea aos poucos, con paso suave, pero constante, atrapando ao público con sutileza, un público que permanece nun silencio completo para non perder detalle.

25169523383_d50ae8001b_o

Deus é bom mas o diabo também não é mau.

Os seus xestos son sedutores e doces, as súas mans e o seu corpo amosan mulleres fortes, con caracter, mulleres que aparecen nas súas historias, historias crúas e fermosas. Remata facendo cantar ao respetable que xa está completamente atrapado por esta muller.

Para rematar as dúas contadoras suben ao escenario para ler o poema que escribiran antes de comezar, será Ángeles quen lle poña voz a un poema de José Régio, “Cántico Negro”.

Foto: Mino Andrade e Amparo Portabales – Texto: Ana Ponte