75 voces para 75 textos
Na XIII edición do Festival Atlántica, convidámoste a participar nunha homenaxe moi especial: dar voz á obra de Castelao durante unha maratón de lectura o día 1 de xullo, no Panteón de Galegos Ilustres.
Durante oito horas (cunha pequena pausa técnica), 75 voces lerán ou narrarán 75 textos da obra de Castelao. A súa palabra, sempre lúcida, combativa e fondamente humana, seguirá viva nas túas mans e na túa voz.
Como participar?
Queremos que este acto sexa colectivo e emocionante. A apertura correrá a cargo de representantes da cultura, da administración e da sociedade galega. Pero o protagonismo será da xente. Será teu.
Queres ler?
Inscríbete e escolle un dos textos que preparamos, ou propón ti outro. Se non está asignado, é todo teu. Non fai falta ser especialista, só ter ganas de compartir e sentir.
Queres escoitar?
Podes vir cando queiras e quedar o tempo que desexes, escoitando as lecturas dos demais.
Un chisco máis de compromiso?
Inscríbete e forma parte do corpo de garda-escoita, para asegurar que nunca falte público neste acto colectivo.
Horarios
11:30 – 12:30
Inauguración e lecturas institucionais. Estás convidada/o, por suposto.
12:30 en diante
Lecturas da cidadanía: 75 voces, 75 textos, unha soa memoria viva.
Como dicía Castelao, as ideas non se matan…
E tamén dicía que rir é cousa seria, que o galego ten dereito a ser, que a arte debe conmover.
Agora tócache a ti escoller que frase de Castelao queres facer túa.
Contamos contigo.
