Sábado 14 de marzo de 2015 – 12:00
O Festival Atlántica, adoita facer sesións onde os contadores e contadoras narran historias a nenas/os en asociacións e escolas. Este sábado é no Centro Sociocultural de Santa Marta, nunha das sala na que os pequechos/as poden disfrutar dun espazo lúdico e de lectura.
O contador desta mañá, Yoshi Hioki, achégase a dúas cadeiras altas, unha para se sentar e outra para ter enriba unha serie de materiais que o contador colocou antes de irse cambiar cun traxe tradicional xaponés de traballo. A madeira dos seus geta (calzado tradicional xaponés) soa no chan ao volver.
Un pano vermello ondea na súa cadeira destacando sobre o gris do pantalón. O pano fascina tanto a unha das meniñas, que durante toda a sesión, tenta tocalo cando Yoshi pasa ao seu carón.
O primeiro que nos ensina é a dicir bos días en xaponés e a posición do saúdo de homes e mulleres, as súas diferencias e o motivo das mesmas. Os homes representan ao bambú e as mulleres á armonía.
Cantando en tres idiomas, xaponés, castelán e galego, o xogo de pedra, papel e tesoiras, consegue que tanto nenas/os como adultas/os fagan xestos cas mans e creen un caracol, unha bolboreta… ata un helicóptero. E con cada unha destas creacións, comeza e remata os contos.
Seguramente un dos contos, pero non o único, onde o narrador métese a todo o mundo no peto, é ao sacar unha frauta ca que nos leva a ver a través dun bosque ata unha cova terrorífica.
Ao acabar, un novo saúdo ao estilo xaponés no que todas/os fomos partícipes.
Un forte aplauso, sorrisos nos beizos, felicitacións ao narrador por parte de grandes e pequenas/os, satisfacción iluminando o rostro do propio Yoshi. Ese é o broche final a sesión no Centro Sociocultural de Santa Marta.
Foto: Soledad Felloza – Texto: Ana Ponte
Comments