Paula Anxel Casal

Sábado 14 de marzo de 2015 – 12:00

Ás doce menos dez da mañá, a entrada da Biblioteca ‘Anxel Casal’ ten xa uns quince visitantes. Pode que sexan pequenos de estatura mais teñen un obxectivo moi concreto: Acudir á sesión de contos infantís que chega dende Vigo a Santiago.

Quince minutos despois, os nenos e nenas están acomodados en primeira fila sobre colchonetas de cores e os seus pais e nais ocupan as cadeiras do Salón de Actos da biblioteca.

Paula Carballeira, unha das impulsoras do CIOV, explicálle ós cativos que os seguintes narradores veñen de Vigo, o cal da lugar a intervención espontánea de varios pequechos; “¡Mi abuelo es de Vigo!”.

A continuación Carballeira fai un xogo no que pide a interactuación de fillos e pais, erguendo os brazos e repetindo o que di ela.

Mani Anxel Casal

Dende unha banda do sala chega cantando Mani Braga, que capta rapidamente a atención dos pequerrechos. Ilustra o seu conto da Fraga da Barcia con voces individuais por cada un dos personaxes (ton grave na do carballo, acento británico na do eucalipto…) Os nenos interropen varias veces e Mani atende as súas preguntas tentando non perder o fío do conto.

A moralexa da súa historia, ‘sacrificarse todos un pouco para non ter que prescindir de ninguén’, arranca os aplausos de pais e nais. Mentres algúns nenos discuten o final do conto. Teñen as súas propias opinión ó respecto de como debería rematar a historia.

Delmiro Anxel Casal

O seguinte conto ven da man de Delmiro Sieiro, que narra as aventuras e desventuras de “Pinturiño”, un lapis que pasa de dono en dono ata rematar case consumido pero satisfeito por poder influir na vida das persoas. Delmiro introduce pequenas referencias para conectar tamén cos proxenitores.

Con todo, os cativos forman un público difícil de manter a atención; a idade media ronda os catro anos e por momentos falan das súas cousas, agatuñan polas colchonetas… Mentres, ó longo da contada seguen chegando algúns pais e nais cos seus fillos.

Fatima Anxel Casal

É a derradeira contadora, Fátima Iglesia, quen gaña claramente a atención dos pequerrechos. Fala con moita vitalidade, móvese por todo o escenario, muda as voces e a súa propia altura corpo segundo intervén cada personaxe.

Seguramente o seu conto sobre dous ratiños, un moi alto e outro moi baixo, sexa o que máis se adapta á idade dos nenos e nenas presentes.

Pecha a sesión a outra mestra do CIOV, Ana Carreira, explicándolle ós nenos en clave infantil como se creou o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo.

Como corresponde ó remate dun espectáculo, os artistas saen a saudar e así, acompañados polas súas mestras, Mani, Delmiro e Fátima reciben sorrintes o aplauso do público, formado nesta ocasión por pequenos e grandes.

Foto: Soledad Felloza – Texto: Marcos Estebo