Cando chego ao pub Atlántico teño que quedar de pe. Está cheo dez minutos antes da hora. car rentals . Pili está na barra atendendo os últimos pedidos das primeiras copas ou cervexas do público que espera, falando animadamente, a María da Pontragha.

Mentres, María está nas escaleiras do local, nerviosa pero sorrinte.

Como xa é costume dende fai moitos anos no pub Atlántico, soa a Pantera Rosa. Soledad Felloza, directora de Atlántica, sae sorrinte para falar desta segunda edición do Festival Internacional de Narración Oral, que dera comezo con Mercedes Peón no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi) e por suposto presenta cun gran aplauso a María da Pontragha.

María amosa o seu nerviosismo, non o disimula, e saca o xersei porque tanta humanidade desprende moita calor. María ten unha gracia natural, comeza a falar cun sorriso nos beizos, asegurando que as mulleres da súa familia son mulleres de moito carácter, bravas, cousa que ninguén pon en dúbida.

O longo da súa contada fai rir a xente cas súas ocorrencias, ademais de cos seus contos, e adorna algunhas das súas historias cun canto que a xente agradece con aplausos.

Cando María remata, o público aplaude cun sorriso moi amplo nos beizos, porque María é unha contadora doce na fala e no xesto que lembra as sabias mulleres da aldea que contan ós demais ou entre elas historias baseadas no mito e na experiencia.

Ana Ponte