CONTOS POLA ZONA VELLA DE COMPOSTELA
18:30 h Dende a Igrexa de San Fiz
Diante da Igrexa de San Fiz, nunha terraza, varios dos contadores e contadoras toman un café mentres chega a xente. Un dos voluntarios, Alex Braganha, vai colocando “gomets” azuis aos participantes que van chegando para escoitar a Quico Cadaval.
Un nutrido grupo comeza a congregarse diante da igrexa de San Fiz. Ao fin Quico, cunha camisa vermella a cadros e o pelo alborotado, ponse diante da igrexa a falar sobre como a igrexa de San Fiz é considerada o primeiro templo de Compostela e de como alí, o ermitán Paio ve as primeiras lumínidas que indicaban o lugar exacto do sepulcro do Apóstolo. Dende a chegada dos casteláns, Paio era considerado un parvo.
Quico propón cambiar de situación e dirixímonos á praza de Mazarelos. Movémonos e os coches e motos protestan ca bucina ante a indiferenza inicial do grupo. Movémonos paseniño, sen presa, polas rúas graníticas de Compostela. Na praza uns nenos e nenas xogan co patín e a pelota. Os estudantes da facultade de filosofía mirannos de esquello. Dunha terraza próxima chega o ruído da xente faladeira. Un par de estudantes cun bocadillo na man, achéganse curiosos a poñer a orella.
Os ruídos da cidade molestan a escoita, pero fai que o grupo se xunte máis e poñan toda a súa atención a cada palabra que Quico di. Alí, ao lado do “símbolo do feixismo que xa se falará outro ano”, fala de Francisco Xavier, o considerado o apóstolo da India, que viaxara ata Xapón onde era considerado atractivo pola súa xente e onde evanxelizou durante máis de dous anos.
Ata os santos te apalpan a perna
Francisco Xavier a Ignacio de Loyola
Quico chama a Yoshihira Hioki, residente en Barcelona, para falar algo máis de Francisco Xavier, e de por que fracasou a evanxelización en Xapón. A xente espera e escoita as respostas de Quico, de como o medo ao colonialismo foi o motivo principal do fin da evanxelización e como son os cristiáns os que levaron ó tabaco ao Xapón.
Volvemos a cambiar de lugar, esta vez diante da Igrexa de María Salomé (Rúa Nova), a peixeira, onde Quico nos describe como falan algunhas peixeiras na praza:
Que está a cheirar aí? Que está a cheirar aí? Cheiráronlle a cona para casar?
Deixe de apalpar o lirio… ou pensa que é unha pirola?
A xente segue acercándose e sorrí con algunhas das historias que consegue escoitar dendo o fondo, sen molestar, aínda que algúns comentan:
– Está hablando en gallego
– Pues vámonos.
Quico conta que en San Andrés de Teixido non se pode matar aos réptiles e asegura que non vai ir de vivo para poder ir de morto.
– Bravo – berra un cativo, que apenas comezou a camiñar.
Seguimos camiñando pola rúa Nova cara a catedral. Parece que os cans póñense nerviosos e as gaivotas berran mentres voan polos tellados da zona vella. Camiñamos pola Conga e chegamos ata San Paio, o lado do pub Modus Vivendi. Alí Quico falou do baixo relevo da burra de Belén, aclarando que é a da fuxida de Exipto e non a do portal, porque pódese ver ao neno en brazos de María.
Lembrándonos a data na que estamos, Quico berra:
Viva San Patricio!!
Viva!!
Volvemos camiñar ata a Travesa de San Paio de Antealtares ata o Preguntoiro. Quico vai falando con Avelino González, ó que se escoita rir dende calquera punto do grupo. Xa en Cervantes imos
cara a Ruela de Xerusalém, diante da oliveira.
Por fin algo de silencio parece acompañarnos, é un lugar tranquilo onde os ruídos da xente, do tráfico, dos cans, desaparece. Podemos escoitar mellor a voz de Quico, que se apoia na árbores mentres tocan a cuartos, son case as 20 h, o tempo pasou voando, entre lendas de “mans de santos que cheiran a rosas e lirios e que saen da súa furna para firmar no papel dun Papa sorprendido”.
Unha última parada, entre a Algalia de Arriba e a Algalia de Abaixo, a zona xudía da parte vella de Compostela, vixiad@s por un pallaso pintado en vermello na parede dunha das casas. Alí fala de
como o mosteiro de San Lourenzo ten forma de grella en honra o santo que leva o seu nome, santo que cando o estaban a torturar sobre unha grella e segundo a lenda dixo: Dádeme a volta, que por
este lado xa estou feito!! Conta como moitas cidades deben a súa existencia polos corpos dos santos que foron transportados e vendidos por anacos, algúns ata teñen dúas ou tres cabezas en distintas igrexas, capelas ou catedrais do mundo, incluso houbo un emir que vendía cada catro anos a cabeza dun santo.
Cun obrigadísimo, Quico remata esta ruta por algúns dos recunchos de Compostela, ca luz do anoitecer e o laranxa da lámpada dun farol colocado no seu momento para eliminar as sombras
dunha calexa sen saída. A xente aplaude con ganas e vai saíndo cun sorriso e falando sobre o que van lembrando e do que se contou. Algúns e algunhas irán a tomar algo e para casa, mentres outr@s continuarán a xornada nalgún dos espectáculos que ofrece a cidade.
Comments