Ida e volta | Público adulto | 60 min -ESTREA-
Cris, galega e branca coma o leite, é narradora oral.
Amor, cubana e negra como o café, é música profesional e escritora ocasional.
Cris conta contos, algúns deles escritos por Amor, quen ademais acompaña á narración con notas musicais, unhas brancas e outras negras.
Amor e Cris xúntase para parir o espectáculo de narración oral e música en directo “Ida e volta”.
Nesta función levaran ao público de viaxe no espazo e no tempo a través de historias de migracións, sabedoras da importancia de non perder a memoria e da riqueza da diversidade cultural.
As dúas pensan que rememorando o pasado, entenderase mellor o presente e respetarase o futuro porque hai historias e contos que teñen billetes de ida e de volta, coma a vida mesma.
Narradores/as
Contos e Cantos da BaleaNorte | 60 min
Lidia e Ugia propoñen un ferrado de oralidade, unha conversación tecida con cantos e contos entre elas e o público. Como fíos condutores, a paixón polo mar, a profundidade e a sinxeleza das emocións esenciais, a forte inspiración da natureza salvaxe de ambas, o culto ás baleas coas que comparten unha senda común mimetizándose imaxinariamente na súa dor e afouteza. Este diálogo, a lume lento, é unha volta á etimoloxía antiga da palabra entretemento como exposición das entrañas.
Contos propios y alleos de Lidia, cancións orixinais de Ugia, creacións e recoleccións para un espazo común no que ambas calzan as zapatillas de casa, visten as súas chaquetas de lá e adéntranse “al mar de los latidos dichos a media voz”. Este verso de Inmaculada Mengibar irá acompañado con outros textos de Luisa Castro, Natalia Alonso, Marilar Aleixandre o Gabriel García Márquez.
Memorias en pedra (segunda parte) | Ruta narrada | Adultos
No medio da pedra, mexidas polo bulicio da praza de abastos, aínda podemos imaxinar os murmurios da comitiva que acompañaría a Teodomiro seguindo as luces que marcaban o sitio, o Locus Sancti Iacobi. O eremita Paio, do lugar de Solovio vira unhas luces na fraga, aló onde logo levantáronse dúas basílicas e unha catedral. Darredor daquilo a memoria tornouse en pedra. Mais nada é o que parece, e todo parece o que é. Entre igrexas, rúas e cercas porase outra mirada en Santiago que coas capas do tempo foi invisibilizando as historias e apagando os murmurios. Un percorrido para escoitar as pedras.
Rockeando coa Ramona pequena | Público familiar | Concerto e contos
Contaremos e cantaremos a historia da Ramona pequena. A máquina do tempo leva a Ramona a súa infancia, Vivimos así unha nova aventura didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe.
Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con 6 aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. Adoraba perderse entre as páxinas de Xulio Verne, A volta ao mundo en 80 días, 20 mil leguas de viaxe submarino, Viaxe ao centro da terra e sobre todo un que lle espertaba a mais grande das curiosidades, Da terra á lúa, que lía unha e outra e outra vez. A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería mais grande que o Sol?
Moitas personaxes poderedes coñecer neste novo espectáculo, como a profe Lupe, que sempre escoitaba atenta as dúbidas da pequena, ou á súa amiga furona Nora, coa que consigue viaxar ata a Lúa! Con estas e outras personaxes chegaremos á fin desta viaxe, que nos ensina que a imaxinación non ten límites, a nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade.
Un espectáculo para compartir coas máis pequenas e coa familia. Pakolas tamén incluirá nesta montaxe algún dos seus éxitos anteriores dos libros Pakolas e Ramona Órbita, a dona do tempo.
Dois dos montes | +12 anos e adultos
Estefânia e Vitor, xuntan ás súas voces e memorias nun espectáculo contado e cantado, procedente de Trás-os-Montes, onde os contos e as lendas da tradición portuguesa son os ingredientes principais pero mesturados con petiscos (burlescos) de disparate, riso e boa disposición. Unha viaxe ao fantástico, onde non faltan bruxas, diaños, deuses, almas en pena, trasgos, pantasmas e moitos outros seres da mitoloxía popular.
Murmuraban as miñas veciñas | A partir 12 anos | 60 min
Historias vivas recollidas para ser contadas de viva voz, aquí presentadas coma unha instantánea, coa humilde intención de que permanezan nalgún lugar. Contos de catro mulleres bravas do Morrazo, que levaron a vida que querían levar. Unha mestura entre a ficción e a realidade contadas sempre desde o humor. Para pasar da emoción a risa sen decatarse.
A Corva| Público familiar / infantil
‘A Corva’ é unha compoñedora de contos que fai una parada no seu incesante viaxe polo mundo para compartir a súa sabedoría co público. Un contacontos cheo de aventuras para facer gozar aos máis pequenos. “A cada país ao que viaxei, unha ensinanza memoricei”. Se tes moito medo, pecha os ollos e pensa nunha corva enorme voando rapidísimo polo ceo azul. Nesta sesión de contos coñecerás un novo idioma o corvabulario. Anímaste?
Son no berce | Bebés
Concerto sensorial para bebés.
Marcho que teño que marchar | Público adulto | 60 min
Marcho que teño que marchar é unha divertida sesión de contos pero tamén é un momento para a reflexión sobre os roles establecidos, a igualdade e a perspectiva de xénero. É un cesto de contos feito con vimbios de muller, xa que elas son as protagonistas. Dende meigas artúricas ata avoas misteriosas… E se mirades para os lados seguro que coñecedes máis mulleres de conto, protagonista dunha boa historia.
Na miña casa está moi mal visto andar falando do que sucede na familia. Pero que facer se diante túa acontecen cousas incribles? Se che contan historias e lendas misteriosas das que non se pode falar en alto… Pois segundo o meu punto de vista tiña dúas opción, calar para sempre ou artellar un divertido e teatral espectáculo de narración oral. Iso si, tédesme que gardar o segredo xa que todo o contado aconteceu de verdade.
O monte das grandes historias | Roteiro narrado polo Monte Pindo
O Monte Pindo (Carnota) é unha das grandes iconas xeolóxicas do país, pero tamén un dos grandes monumentos da nosa cultura. Ao longo de centos de anos, o Pindo concentrou relatos míticos e restos arqueolóxicos que o converten nun espazo único, imbricado con grandes momentos da historia de Galicia. Este roteiro percorrerá algunhas das localizacións máis icónicas, pero tamén espazos menos coñecidos deste monte que contribúen a comprender e aumentar a súa grandeza. O noso obxectivo é, a través das palabras e das historias, ensinar as outras caras deste xigante granítico para que nunca o volvamos ver coma antes.
Unha chea de contos | Público adulto | 60 min
Unha hora de historias que parecen contos, contos que parecen de verdade, verdades que parecen mentira e mentiras que quen o diría!