
Alba de Vales
Contos Arredor do Lume
Contos Arredor do Lume é unha compilación de historias, cantos e imaxes evocadas pola xograresa Alba de Vales. Ao abeiro do lume e das súas múltiples formas, o espectáculo convida a compartir relatos que falan de solidariedade, agarimo, comunidade e coraxe.
Nunha proposta onde a oralidade, a música e a tradición popular se entrelazan, Alba de Vales aviva esa chama interior que nos acompaña no camiño e reivindica o poder das historias para crear encontro e fortalecer os vínculos entre as persoas.
Unha celebración da palabra compartida arredor dese primeiro fogar que foi, e continúa a ser, o lume.

Amaia Elizagoien (Navarra)
Contos do Norte
Desde Navarra e coa ollada posta nas paisaxes e nas voces máis enxebres de Euskal Herria, Amaia Elizagoien trae a Atlántica Contos do Norte, unha proposta que adapta segundo a idade do público que a escoita e na que reivindica a palabra como lugar de encontro e de imaxinación.
Narradora oral desde 2015, Amaia entende o conto como unha forma de poñer no centro a escoita, a palabra e a capacidade de abraiarse. Herdeira dunha rica tradición oral, gústalle coidar as fórmulas que abren e pechan os contos, eses pequenos rituais que permiten a quen escoita recoñecer o territorio da ficción e participar del.
En Contos do Norte, os ventos atlánticos traen historias nacidas entre montañas e vales, contos nos que a natureza, os animais e os seres marabillosos dialogan cunha sensibilidade contemporánea. Unha invitación a viaxar cara ao norte para descubrir que, malia as distancias, as historias sempre atopan o xeito de recoñecerse e darse a man.

Ana Carreira
Trasnadas
Sempre houbo contos de trasnos, eses argalleiros que case non se deixan ver, pero que se fan notar. Se se meten na casa, na escola ou na biblioteca poden aparecer cousas rotas ou cambiadas de sitio, xa que aos trasnos seica lles divirte moito facer falcatruadas.
E tamén hai historias doutros que non son trasnos, pero argallan, enredan e embrollan todo coas súas trasnadas.

Ángeles Goás
Un saco de contos
Un saco de contos é un espectáculo de narración oral composto por unha selección variada de contos tradicionais e/ou literarios.
Os contos contados nesta sesión saen dun saco máxico cargado de historias que, libremente, regala a cambio de recitados, trabalinguas, adiviñas…

António Fontinha (Portugal)
Inequivocamente, conto tradicional.
En Occidente, neste mundo sofisticado en que vivimos inundados de tecnoloxía, resulta sorprendente a valoración que foi acadando o simple acto de contar historias.
Outro feito é que existan contadores de historias que se limitan a perpetuar o imaxinario do conto tradicional. En Portugal diriamos: non pasan da cepa torta! Neste caso, o sorprendente é que haxa, neste mundo, quen os queira escoitar.

As Caldupeiras

Atenea García
Corochas | Infantil
Corochas é un espectáculo de pequeno formato dirixido á primeira infancia (0-3 anos), que combina a narración oral, a manipulación de obxectos e a música. A través do conto acumulativo, da canción e do xogo de imitación viaxaremos por diversas paisxes e coñeceremos personaxes estrafalarias que deben resolver múltiples enredos.
Corochas, cachogas, celigras, cóchegas, coscas, deligras ou cóxegas: Sensación que experimenta alguén ao lle seren tocadas levemente certas partes do corpo e que se manifesta nun riso involuntario. Por que será que existen tantos xeitos de chamarlles ás corochas? Pode ser que a sensación para cada unha de nós sexa tan diferente que non somos quen de lles poñer un nome só? Ou será que as corochas só existen á beira do mar e as cóxegas no alto da montaña… Os contos ás veces son coma as corochas, fannos viaxar a lugares onde normalmente non chegamos ou a partes do corpo ás que non lles poñemos atención.
Estrafalaria | Infantil
Estrafalaria é un espectáculo que combina a narración oral coa manipulación de obxectos e no que o público participa activamente no relato. Os personaxes que interveñen na historia caracterízanse pola súa peculiaridade e levan a diferenza como bandeira. Unha proposta para entender que a diversidade é enriquecedora e imprescindible para vivir nun mundo onde predominen a tolerancia, a solidariedade e a convivencia. Un mundo no que as mulleres poidamos ser nós mesmas a cada momento.
Alicia collera por costume escorregar por calquera buraco sen importarlle o profundo, escuro ou sinuoso que fose. Carlota escolle o seu camiño e embárcase en aventuras emocionantes que nada teñen que ver coas das princesas. A avoa e papá dicían que as miñas amigas eran estrañas. Mais eu sempre pensei que iso de ser estraña é moi relativo. Apetéceche escoitar as nosas rarezas?
Vicio houbo sempre | Adulto
Divertida e fresca proposta de narración oral para público adulto na que Atenea García presenta historias de vida recollidas a mulleres que xa cumpriron 80 anos. Historias que falan do desexo, do pracer, de sexualidade…
A primeira conversa naceu cunha frase: “Vicio houbo sempre, gracias a Dios!” E logo seguírona outras tantas onde as mulleres foron contándolle unha chea de cousas supostamente prohibidas. A peza fala do amor e da vida que sempre houbo nas marxes fiando contos sobre a diversidade sexual, a ausencia na emigración e, como non, a diversión nos bailes das festas! Todo, ao ritmo de historias e cancións acompañadas coa pandeireta.

Avelino González
Chistes que foron contos | Público adulto
Moitos dos chistes que se contan agora foron contos hai tempo. E en todas partes hai moito que contar.
Rabuñando un pouco, en todas partes saen personaxes pintorescos ou importantes, lendas de mouras e tesouros, anécdotas e sucedidos tráxicos ou cómicos ou amorosos.
Estas historias poderían ser argumentos de series de televisión, pero non saen nas series de televisión. Así que imos contalas!

Bea Campos
A nena e os tres osos
A nena e os tres osos é unha proposta escénica tenra, divertida e chea de imaxinación para público infantil e familiar. Un espectáculo con monicreques, música e obxectos que revisita un dos grandes clásicos da literatura infantil cunha posta en escena delicada e moi visual.
Nesta historia, as cousas máis sinxelas poden transformarse noutra cousa completamente distinta: unha maleta convértese nunha casa, un caldeiro nunha cadeira e unha manchea de calcetíns nunha entrañable familia de osos.
O oso grande, o oso mediano e o oso pequeno viven felices no bosque. Cada mañá repiten o mesmo ritual: preparan as papas do almorzo e saen pasear cantando e xogando mentres arrefrían. Mais un día, unha pequena visitante inesperada entra na súa casa e múdao todo…
Con humor, cancións e moita creatividade, “A nena e os tres osos” convida as crianzas a entrar nun universo onde o xogo e a fantasía transforman o cotián en aventura.

Benxamín Vázquez
Gárgolas de Compostela.
Unha ollada ao ceo de pedra
Santiago de Compostela é, probablemente, a cidade europea con maior densidade de gárgolas. Máis de trescentas figuras pétreas —enigmáticas, irreverentes, sorprendentes e, ás veces, mesmo divertidas— observan desde as alturas a quen percorre as súas rúas desde hai séculos.
Da fascinación por este patrimonio singular naceu Gárgolas de Compostela, a pioneira guía trilingüe (galego, castelán e inglés) escrita por Benxamín Vázquez e ilustrada coas magníficas fotografías de Xaime Cortizo, que propón unha maneira diferente de descubrir a cidade a través dunha selección das súas gárgolas máis sorprendentes.
No marco do Festival Atlántica, Benxamín Vázquez guiará un roteiro especial que, dada a extraordinaria riqueza deste patrimonio, centrarase nesta ocasión nas gárgolas do Hostal dos Reis Católicos e do mosteiro de San Martiño Pinario. Un percorrido para aprender a mirar cara arriba e descubrir un universo de monstros, animais fantásticos, figuras humanas e escenas inesperadas que forman parte da imaxinación e da memoria de Compostela.
Unha proposta que combina historia, arte e narración para achegarse a un dos tesouros máis singulares e últimamente máis debatidos da cidade.

Camiño Noia

Carmen Conde
O que non estaba escrito
O espectáculo ten este título porque os relatos que Carmen conta non estaban escritos —certo!—, mais tamén polo extraoficiais e especiais que son. Inspirados en todo canto apañou da oralidade, ficcionados pola propia Carmen nunha mestura indistinguible entre realidade e imaxinación, e devoltos á voz falada a través das narracións desta sesión para público adulto, conforman unha escolma na que ata a vida máis anónima roza o improbable e a maior normalidade choca co delirio.
Unha sesión onde Carmen falará de curas que se namoran, faixas de millóns en casas de pobres, bebés nacidos de hortas, mulleres evanxelizadoras do pracer ou o primeiro explorador de buratos negros, entre outros… Cada contada incluirá un repertorio distinto, perfectamente escollido en modo aleatorio para a ocasión.

Carmen Domech
O Grúfalo
Tres historias acontecen na fraga.
“O Grúfalo” está baseada no texto do libro de Julia Donaldson e nas ilustracións de Axel Scheffer para o deseño dos monicreques.
Conta a historia dun ratiño que pasea pola fraga e atopa un raposo, un moucho e unha serpe. Os tres queren papalo, pero o enxeñoso ratiño crea un monstro imaxinario para sobrevivir. Cal non será a súa sorpresa cando ve de diante del a súa fantasía feita realidade e con ganas de merendar… ratiños, por exemplo. Pero o noso rato, coa súa intelixencia, valentía, astucia e confianza en si mesmo, sobrevivirá a todos eses depredadores máis feroces e fortes ca el.
“Carapuchiña Feroz”, Do libro Contos en verso para nenos perversos.
Historia baseada na versión que fixo Roal Dahl do famoso conto universal da Carapuchiña Vermella que todas as nenas e nenos coñecen.
“Shhh! Temos un plan”. Baseada no libro de Chris Haughton. Catro amigos van pola fraga; ao ver un paxariño, queren cazalo. Salvo o máis pequeno, que decide axudalo para que poida vivir en paz. Non todos os plans perseguen o mesmo… Unha divertida historia chea de acción e alegría de vivir.

Carola Casal
Visita Guiada á Igrexa Románica de San Pedro de Bembibre (Taboada)
Erguida a finais do século XII, a igrexa de San Pedro de Bembibre é unha das grandes xoias do románico galego e un dos templos medievais mellor conservados da Ribeira Sacra. Declarada Ben de Interese Cultural, conserva a súa estrutura orixinal e unha inscrición que permite datar a súa construción no ano 1191, unha rara fortuna para a historia da arte.
A beleza das súas portadas, a delicada decoración dos canzorros e a serenidade do seu interior fan deste templo un lugar privilexiado para achegarse á espiritualidade e á vida das comunidades que habitaron estas terras ao longo dos séculos. No seu interior destacan tamén o arco triunfal, os restos de policromía medieval e diversos elementos que dan conta da importancia que tivo para a poderosa Casa de Taboada.
Rodeada pola paisaxe da Ribeira Sacra, San Pedro de Bembibre é un espazo onde patrimonio, memoria e territorio se entrelazan. Un escenario excepcional para deixar que as historias viaxen entre as pedras e para descubrir, da man da palabra, un dos tesouros máis singulares do románico de Galicia.

Celso F. Sanmartín
Contar
Di Celso que Contar é un oficio que todos temos. “Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos.
Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir…
Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.
O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para amosar que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén reinvento historias e contos, coma calquera…
Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que sexa de trapo, nin o corazón de pedra.”

Charo Pita
Retratos en branco e negro
Retratos en branco e negro imaxina un universo ateigado de grises: contos entre o real e o extraordinario, entre o vivido e o soñado, entre o cómico e o dramático, nos que latexa a tradición oral.

Chus Álvarez
Continentes
Contos do mundo en pequenas maletas. Un mundo de contos para nenos e nenas. Viaxes que lembran historias e xente. Recordos, palabras, e un conto por cada continente.

Cris de Caldas
Mulleres de conto | Adulto
As historias que máis emocionan a Cris de Caldas falan de mulleres que non viviron unha vida de conto pero que, sen dúbida, merecen ser lembradas. Recompilou historias de vida e contos de tradición oral e literaria nos que as mulleres demostran ser as protagonistas das súas vidas, incluso cando a morte anda preto. Fíxoo para poder contalas e para ser o altofalante de quen non puido alzar a voz: unha morea de heroínas anónimas que tiveron que camiñar por congostras cheas de obstáculos e sombras.

Dani Blanco
Can de Palleiro | Infantil
A Can de palleiro pícalle moito todo o corpo. Que será? Polo camiño, para desfacerse das súas “amigas”, vai ter que facer malabares, equilibrios imposibles e escapismos con camisa de forza.
Un espectáculo para todas as idades e todos os públicos. Non vas poder parar de rir.

Elena Cabrejas
Visita á Laxe dos Bolos, santuario da arte atlántica
O petróglifo de Laxe dos Bolos sitúase na ladeira oriental do Monte Xiabre, elevación situada nas inmediacións da ría de Arousa na costa occidental galega. Este monte destaca tamén por estar comprendido entre a Depresión Meridiana ao leste, a costa das Rías Baixas ao oeste, o val do Umia ao sur-leste e o río Ulla ao noroeste. O soporte, un gran afloramento granítico de 10 m. de ancho (N a S) e 35, 70 m (E a W) e de perfil lixeiramente alombado, apenas sobresae do chan. Atópase dividido por diversas fendas e fisuras que axudan á distribución dos motivos que aparecen distribuidos pola práctica totalidade da superficie, nunha diversidade única que supera a variedade e riqueza iconográfica dos restantes petróglifos do noroeste coñecidos ata a data. Motivos do Neolítico, da Idade do Bronce e da Idade do Ferro que nos indican unha continuidade do uso e valor simbólico deste sitio ao longo de distintas culturas. Vinculado ademais a outros moitos elementos que fan deste lugar un auténtico santuario rupestre.

Esmeralda Folgado (Zamora)

Fernando “Palitos”

Fran Rei
Hamelin
Todos e todas coñecemos a popular historia que aconteceu hai moito tempo en Hamelin, na que un músico secuestrou os nenos e nenas da vila alemá en castigo por un engano. Segundo nos contaron sempre, a rapazada seguiu ese estraño personaxe, hipnotizada polo doce son do seu instrumento musical. Así foi como chegou a nós esta historia, pero… Todos os nenos e todas as nenas foron detrás do músico? Non. Unha nena non sucumbiu ante a música e logrou salvar as crianzas de Hamelin. E sabedes que tiña de especial esta nena? Que era xorda.
Dirixido por Carmen Conde, a partir dunha idea de Avelino González, Fran Rei presenta o seu novo espectáculo unipersoal, Hamelin, unha montaxe para público familiar a partir de 3 anos que mestura narración oral, maxia, humor e unhas faíscas de lingua de signos. Unha revisión actualizada da popular lenda para pór en valor a diversidade e a integración.

Francisco do Romualdo
Paus de Cego
Paus de cego é un concerto didáctico con pingas da literatura oral e da música popular que persoas cegas veñen interpretando dende hai séculos. O Francisco do Romualdo ofrece unha amena escolla de cantares, romances e coplas tradicionais e contemporáneas. Canda el, hanse poder degustar saborosas peciñas da nosa cultura, que sinxelas, actuais e divertidas, son quen de recrear gozosas lembranzas e seguir engaiolando a cantas persoas participan. Trátase de romances e cancións coma os Milagres de Santo Antonio, Os mandamentos do amor, o Romance da lavandeira, o Romance das sete chaves ou Crime de Catoira, algúns acompañados coa banda deseñada da época: as maltrañas (cartelóns debuxados).

Hugo López Castro

Inacio Vilariño-Fantoches Baj
A viaxe feliz de Ramón Sanfiz
Despois de deixar dúas pedras no amilladoiro de Santo André de Teixido, Ramón Sanfiz, alter ego de Fernández del Riego e músico da Rondalla Mindoniense do Pallarego, preséntase ante a xente alí reunida e cóntalle como foi a súa viaxe en triciclo desde Ourense ata Teixido, seguindo os pasos de Ramón Otero Pedrayo. Para iso servirase de instrumentos musicais tales como unha caixa de música, un pandeiro ou un timple canario, e de obxectos como marionetas, un jumping-jack ou un kamishibai. Son elementos que leva no seu triciclo e que vai sacando ao tempo que relata os lugares polos que pasou na súa travesía a Santo André, e que darán pé aos contos, cancións, historias, lendas e romances atopados por Ramón Otero Pedrayo na súa Pelerinaxe polo centro de Galicia, que remata na serra da Capelada.
Castelao, un corazón á intemperie
Castelao, un corazón á intemperie é a nova produción de Fantoches Baj para público infantil e familiar, unha proposta de narración oral, monicreques, música tradicional e teatro de máscaras que busca dar a coñecer a Castelao entre as nenas e os nenos, reler e interpretar parte da súa obra e poñer en valor o galego.
Após a morte de Castelao o 7 de xaneiro de 1950, nun tempo no que en Galicia non era posible chorar a súa perda, o dramaturgo e director de escena Daniel Varela Buxán decide renderlle, nun acto privado diante da súa veciñanza, a súa particular homenaxe ao rianxeiro.
Varela Buxán fora o encargado de dirixir Os vellos non deben de namorarse na súa estrea absoluta en 1941 en Bos Aires e, a partir de aí, mantivo unha fonda amizade con Castelao. Por iso, para homenaxealo, Varela Buxán colocarase nun pequeno escenario onde trazará brevemente a peripecia vital de Castelao, deténdose naqueles momentos literarios e artísticos que considera máis significativos. Entre outros, representará con marionetas parte da súa obra: contos de Cousas(“Panchito” e “A marquesiña”); narracións de Retrincos (“Sabela” e “O inglés”); escenas de Os vellos non deben de namorarse; e o monólogo do esqueleto en Un ollo de vidro.

Inma Soto
Xela aventura na fraga
Un inesperado suceso na casa da protagonista motiva a Xela a saír na procura de respostas; polo camiño atopa plumas, pegadas e cacas de animais que conducen á resolución deste misterioso caso. Cara o desenlace da historia, ademais de mostrarlles as características da fauna galega, aprenderán a ollar á natureza como se elas e eles tamén formasen parte.

Irene Reina (Huelva)
Raianas | Público adulto
Hai unha liña invisible que separa Andalucía do Alentejo.
Mais as historias nunca entenderon de fronteiras.
Por eses camiños pasaron durante séculos o contrabando, a guerra, as cancións e a vida. Dun lado ao outro. De boca en boca.
Raianas mergúllase nese territorio para contar o que quedou: desde a lenda da moura Saluquia ata a noticia que inspirou a Carlos Cano para a súa María la Portuguesa, pasando por camiños de ida e volta, casas cheas de mulleres e relatos que non sempre apareceron nos libros.
En escena, a palabra e a música entrelázanse sen pedir permiso. Contos, cantos e memoria constrúen unha paisaxe que non pertence ao pasado: algo que segue latexando.
Pregos de cordel. | Público infantil e familiar maior e 5 anos
É un espectáculo de narración oral que recupera a arte de contar como se facía cando a palabra se vendía ao peso e ao oído. Coa chegada da imprenta, non todo o mundo podía permitirse un libro, pero a picaresca —presente en todas as épocas— atopou o xeito: os pregos soltos, follas impresas, económicas e de ampla circulación, que moitos consideran o xermolo da prensa popular. Nelas publicábanse romances, contos, sucesos e coplas que logo cobraban vida nas prazas e nos portos, contadas e cantadas para o público. Este espectáculo nace dese cruzamento entre o escrito e o oral, entre o papel e a voz. Irene Reina dálle forma escénica a este patrimonio cun estilo próximo, con humor e musicalidade, e xera un espazo de escoita compartida que conecta con públicos de distintas idades. Unha proposta que pon en valor a tradición oral como lugar de encontro, memoria e gozo colectivo.

Iseo a Moura
MUMAXICA S.L. | Público Infantil
MUMAXICA S.L. (Mantemento de Umbrais Marcos Ancestrais Xanelas Interdimensionais e Covas Arcanas Suciedade Limitada) é un espectáculo de música infantil, humor, maxia e fantasía para que o goce toda a familia. Iseo, a Moura, acode ao público como parte da empresa que leva o nome do espectáculo, en calidade de técnica de instalación e mantemento de portais máxicos situados ao longo de todo o territorio do país, polos que se conectan o mundo dos seres máxicos da mitoloxía galega e o mundo da xente, entre outras dimensións múltiples, paralelas e escacharrantes. A Moura vén encargarse de que estes portais non supoñan ningún risco para a poboación, pero o certo é que é tan trapalleira como máxica, e o público terá que axudala a conter xigantes, neboeiras e outras marabillas coa súa participación.
Con música orixinal, cancións con retrousos pegañentos coma ectoplasma de pantasma, córeos participativas e moita retranca, o espectáculo achega a tradición oral galega á rapazada dun xeito fresco e atractivo, cunha proposta visual que transportará o público a outros mundos sen saír deste (esperemos).

Jara Ortiz
Lúa Triangular Nada é imposible! | Público Infantil
Lúa Triangular Nada é imposible! é un espectáculo de contacontos musical da artista Jara Ortiz, baseado no libro Marta e a píntega, da autora Eli Ríos (Ed. Galaxia), no que a nena Marta coñece á píntega Oli e xuntas viaxan ao Mundo dos Contos. Alí vivirán unha chea de aventuras e transformarán o mundo nun lugar mellor, cheo de diversidade e máis xusto, onde sexamos iguais e as princesas dos contos poidan ser felices, creando e visibilizando as súas propias historias.

Jesús Manuel García Díaz

José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’ (Zamora)
Filandar
Filandar é unha proposta de Don Guti que recupera o espírito das antigas xuntanzas arredor da palabra compartida. Inspirado na tradición dos seráns nos que se fiaba, se traballaba e se contaban historias, o espectáculo convértese nun espazo de encontro no que o humor, a memoria e a oralidade popular se entrelazan cunha grande capacidade de comunicación co público.
Narrador, actor e investigador das tradicións orais, Don Guti leva anos explorando as raíces culturais da Península Ibérica e trasladando aos escenarios un repertorio que bebe tanto das historias recollidas na tradición como da súa propia experiencia vital. En Filandar, o público é convidado a participar nunha viaxe chea de contos, lembranzas e personaxes que nos devolven a unha forma de estar xuntos na que a palabra era tamén celebración e comunidade.
Con proximidade, retranca e unha extraordinaria presenza escénica, Don Guti reivindica a vixencia das historias de sempre e a capacidade da narración oral para seguir tecendo vínculos entre as persoas.

Leandro Lamas
MAPA DOS SERES MITICOS DO REINO DE GALICIA
Tras o éxito do mapa de Seres máxicos do reino de Galicia, chega o mapa de Lugares míticos do reino de Galicia. Esta cartografía percorre a inmensa diversidade de lugares encantados de Galicia, onde o recordo de culturas pasadas se preservou grazas ao poder da narración oral e dos relatos transmitidos de xeración en xeración. O rico acervo mítico da tradición oral galega encheu os vellos castelos, castros e aldeas perdidas de túneles, tesouros, seres asombrosos e relatos de amor, loita e morte.
O mapa presenta 46 lugares míticos de toda Galicia, cheos de historias e aventuras que podes percorrer no folleto adxunto. A maior parte dos lugares continúan a ser visitables e son un estupendo plan para percorrer Galicia a través dos seus lugares máis lendarios.

Liga Santaballesa

Manuel Gago
OS INSOMNIOS DE COMPOSTELA, por Ramón Otero Pedrayo
Vinde comigo. Otero Pedrayo apelará en varias ocasións ao público de Bos Aires que tivo a fortuna de escoitar, en 1959, a súa conferencia Cinco noites en Compostela, clausura das Xornadas Patrióticas Galegas. Vinde comigo, repetirá, para descubrir a vida de cinco insomnes históricos da cidade e as súas aventuras nocturnas. O propio Otero Pedrayo coñecía ben a Compostela nocturna, que percorría en solitario ou acompañado de amigos desde a súa mocidade universitaria ata os seus anos de catedrático. Unha Compostela que, pola noite, volvíase distinta: fantasmal, romántica, cultivadora de segredos. Este roteiro celebrará a memoria deste discurso de Otero Pedrayo, un dos mellores pronunciados polo erudito ourensán. O camiño farase a través da lectura dos seus textos, a escoita da súa voz, combinada coas pantasmas que convoquen os condutores para a ocasión. O roteiro incluirá tamén paradas nas que poder mollar o padal e coller forza e alento para continuar.
Onde comeza: O punto de partida comunicarase aos afortunados (ou desgrazados) que consigan entrada.
Código de vestimenta: Os participantes (o público) e os condutores deben ir vestidos como estudantes (ou profesores) da década de 1950.
O roteiro durará o que teña que durar.
Conducido por: Quico Cadaval, Sole Felloza e Manuel Gago
MAPA DOS SERES MITICOS DO REINO DE GALICIA
Tras o éxito do mapa de Seres máxicos do reino de Galicia, chega o mapa de Lugares míticos do reino de Galicia. Esta cartografía percorre a inmensa diversidade de lugares encantados de Galicia, onde o recordo de culturas pasadas se preservou grazas ao poder da narración oral e dos relatos transmitidos de xeración en xeración. O rico acervo mítico da tradición oral galega encheu os vellos castelos, castros e aldeas perdidas de túneles, tesouros, seres asombrosos e relatos de amor, loita e morte.
O mapa presenta 46 lugares míticos de toda Galicia, cheos de historias e aventuras que podes percorrer no folleto adxunto. A maior parte dos lugares continúan a ser visitables e son un estupendo plan para percorrer Galicia a través dos seus lugares máis lendarios.

María da Pontragha

Marita Martínez
Contadiña
Dicía miña avoa que aprendín a falar bastante tarde, que xa andaban un pouco preocupados, pero que, cando empecei, o que lles preocupou é que non dera calado… sobre todo porque contaba moitas das cousas que escoitaba!
Pero é que haivos cousas que merecen ser contadas, ben porque pasaron e as presenciei en vivo e en directo, ou ben porque llas escoitei a quen as viviu.
Así nacen os contos e as contadas; neste caso, unha, e pequena, coma min: unha Contadiña…

Marta Ortiz
Onde nace a lingua
Onde nace a lingua é unha proposta que mistura narración oral, xogos fonéticos, cantos, trabalinguas e explicacións filolóxicas co obxectivo de dotar de recursos e ferramentas para iniciar e asentar competencias lingüísticas en galego na infancia dunha maneira entretida e cercana
Onde nace a lingua xorde da colaboración entre unha narradora oral, Marta Ortiz, e un filólogo, Brais Gutiérrez.
Onde nace a lingua é un canto coral ao galego e á nosa cultural, un mosaico práctico de recursos vivos dos que nos dota a tradición oral. Adiviñas, trabalinguas e contos rimados, nos que xogaremos cos sons e fonemas. Contos acumulativos e encadeados, cos que sentiremos o ritmo dos versos e das sílabas. Cancións de mans e contos con lingua de signos, nos que afondaremos na xestualidade do noso corpo, dunha maneira divertida e participativa. E todo iso con toques de música, instrumentos e obxectos dos que se vale Marta Ortiz para darlle ritmo e frescura a esta proposta.

Música Miúda
Historias de Bemol Pequeno
Concerto-contacontos en formato de dúo acústico que introduce á rapazada conceptos musicais básicos como o volume, as notas musicais ou as familias de instrumentos. Conta as historias da vila de Bemol Pequeno, pola que camiñan personaxes como a meiga Xela, o dinosauro Pepón ou a Banda do Carballo. A rapazada ten un papel activo, participando na contada das historias e nas cancións, nun espectáculo totalmente interactivo, cheo de música e diversión.

Nati Rey
Ritos de vida, ecos de morte: a fertilidade e a perda temperá nos cruceiros e na cultura popular (conferencia)
Das narracións sobre os enterramentos de neonatos sen bautizar, escoitadas desde a infancia, xorde a procura doutras historias e prácticas relacionadas. Dese fío nace Ritos de vida, ecos de morte: a fertilidade e a perda temperá nos cruceiros e na cultura popular, un traballo que recupera saberes destinados, en moitos casos, ao esquecemento.
A investigación céntrase na relación entre a fertilidade feminina e a perda temperá dos fillos, explorando a función dos cruceiros como espazos de conexión entre a vida e a morte. A través de diversos testemuños, recompílanse valiosas memorias que amosan como a cultura galega entendeu a vida e a morte na Galicia tradicional.

Pablísimo
CABICIVAI
Unha bicicleta, un kamishibai e tres caixóns dos que pode saír calquera cousa!!
Cabicivai subindo e baixando!
Cabicivai de acó para aló!
Cabicivai levando as historias!
Cabicivai a outro lugar!
Cabicivai é un espectáculo sobre rodas… Un ciclista viaxeiro comparte contos de todo o mundo co público sacando dos caixóns do seu kamishibai as cousas máis inverosímiles: brinquedos, bucinas, potas, asubíos, matracas, receitas de cociña… A viaxe vai comezar!

Paco Nogueiras
EXTRA!
Extra! é un espectáculo baseado no libro-disco homónimo editado por Kalandraka, no que Paco Nogueiras combina cancións e interpretación cos seus rexistros máis divertidos.
Extra! Xa está aquí, é o teu xornal.
As novas máis curiosas, sucesos especiais.
Os temas máis diversos podes coñecer,
os feitos máis recentes. Non os debes perder!
Chega o “xornal musical” que Paco Nogueiras ideou para compartir con todas e todos vós. Noticias, cultura, deportes, opinión e pasatempos convértense en cancións cheas de ritmo, humor e participación.
Extra! convida a conectar co mundo e transformar a realidade en música. Porque as noticias tamén se poden cantar… e bailar!
EXTRA! EXTRAAAA!!! Se escoitas este berro, é o momento de encher ben os pulmóns de aire e responder con el:
EXTRA, EXTRAAAAA!!!

Pakolas
As máis molonas de Pakolas
As máis molonas de Pakolas é un espectáculo que reúne as cancións máis queridas polo público rockeiro infantil galego. Cun formato próximo e participativo, Pakolas guía as nenas e nenos por un universo musical no que a voz, a guitarra, o humor e a interacción co público son os grandes protagonistas.
Ao longo do concerto, Paco Cerdeira interpreta algunhas das composicións máis celebradas da súa discografía e dos seus libros-disco editados por Galaxia, nunha proposta chea de ritmo, diversión e aprendizaxe. Rock and roll para cantar, bailar e compartir en familia da man dun dos grandes referentes da música infantil galega.
Unha festa musical para todas as idades, con moita enerxía e as cancións máis… molonas.

Pepe Riola

Quico Cadaval

Rafa Quintía
No país das cousas marabillosas
O antropólogo Rafa Quintía convídanos a descubrir o fascinante mundo dos amuletos galegos nunha sesión moi especial onde se mesturan maxia, menciña popular e narración oral. “O mundo dos amuletos na cultura popular galega” non é unha charla ao uso: é unha viaxe chea de contos, lendas e saber tradicional. Acompañarémolo nunha sesión onde cada historia nos conecta co coñecemento ancestral herdado dos nosos devanceiros. Rafa ten o don de facer que escoitar sexa lembrar: rescata o que fomos e fainos rebuscar nas nosas memorias, cun estilo ameno, próximo e apaixonado. Un encontro para gozar, sorprendernos e recoñecer a forza da tradición que aínda vive en nós.

Raquel Queizás

Ricardo J. Martins (Portugal)
Raianas
No Festival Atlántica acompañará a artista de Huelva Irene Reina, na súa presentación na Pobra do Caramiñal

Santiago Giraldo (Colombia)

Soledad Felloza

Soraya Lema
Aitana e a avoa e outros contos violetas
No conto “Aitana e a avoa”, a través da protagonista, que por razóns de conciliación debe quedar ao coidado da avoa, aprendemos cancións e xogos de tradición oral que dormen agochados na memoria das nais e avoas, porque elas tamén foron nenas. “Outros contos violetas” é un compendio de historias con álbums ilustrados e relatos de narración oral que axudan a visibilizar os vínculos amorosos, os que forxamos desde pequenas, e tamén a romper estereotipos, como no libro As princesas tamén soltan peidos.

Tito Concheiro
Visita guiada ao Castro das Barreiras (Vimianzo)
O Castro das Barreiras, en Vimianzo, é un dos enclaves castrexos máis destacados da Costa da Morte e nestes momentos atópase en plena campaña de escavación arqueolóxica. Esta visita guiada permitirá coñecer os avances máis recentes da investigación da man do seu director, o arqueólogo Tito Concheiro. Un percorrido fascinante para achegarse á complexidade deste poboado fortificado e aos novos descubrimentos que están a saír á luz neste 2026.

Vero Rilo

Vero Rilo e Ángeles Goás
Contos Colorados: en boca de muller.
Contos Colorados: en boca de muller é unha viaxe de volta á raíz, alí onde a retranca e o desexo se atopan arredor do lume ou na intimidade da lareira. Vero Rilo e Ángeles Goás recollen a testemuña das nosas antepasadas para poñer voz a historias que, durante moito tempo, foron contadas en voz baixa.
A través dunha selección coidada de relatos da tradición oral, este espectáculo celebra o erotismo visto e contado desde unha perspectiva feminista. Aquí o pracer non é un tabú, senón un motor de vida, liberdade e, por suposto, moito humor. Unha sesión para rir, sentir e recoñecernos nunha memoria colectiva que reivindica o corpo e a palabra sen censuras.
