Festival Atlántica
Participantes
Programa
  • Programa infantil e familiar
  • Programa adultos
  • Contos no camiño
  • Atlántica 2021
  • Equipo
  • Sedes
  • Contacto
  • Atlántica 2021
  • Equipo
  • Sedes
  • Contacto
ATLÁNTICA

Que é Atlántica

Levamos máis dun ano coa parede da sala como único horizonte. Por iso o festival Atlántica, neste dobre Xacobeo, quere regalarlle ao seu público horizontes amplos, diferentes, fermosos, dourados polo sol, aireados polos ventos que chegan desde o mar, perfumados polas belidas flores que tapizan o país.

Historias contadas onde a historia foi deixando pegadas indelebles no mapa patrimonial. Castros e petróglifos, castelos e mosteiros, pazos e torres medievais; e, asemade, fragas e forestas, ríos e rías.

Para vires ao Atlántica este ano vas precisar calzado de sendeirismo por veces; outras, unha manta, e, se cadra, algunha botella de viño para brindarmos pola vida. Esa vida tan azoutada nestes últimos meses, pero defendida con uñas e dentes por un feixe de valentes homes e mulleres intrépidos.

As nosas redes recollidas aniñan xa nas dornas. Vesnos chegar a porto?

Somos unha vez máis nós, loucos, os artistas, os que envolvemos soños con fieitos para traerchos coma un galano.

Sen pantallas, de viva voz, desde a esencia.

Como peregrinos da palabra que fomos de sempre , os contadores e contadoras de historias sairemos ao teu encontro, onde queira que te atopemos , habémosche contar unha chea delas.

Porque só as palabras, as historias, as persoas, serán quen de conseguir que o mundo recobre a quietude, o acougo perdido.

Porque houbo, hai e debe de haber sempre unha vez, invitámoste a viaxar con nós, coas estrelas como luz e a rosa dos ventos como guía.

Ven, acompáñanos nesta nova camiñada inzada de contos.

Coma sempre «mariñeiros cara o mar, as estrelas a brillar».

 

SOLE FELLOZA

DIRECTORA DO FESTIVAL

WEB ALOXADA EN
CO APOIO DE