Alba Bermúdez
Galeatro, a primeira compañía de teatro profesional de Carballo, foi fundada por Alba Bermúdez e Tone Martínez e está especializada no público familiar. A súa liña de traballo esténdese desde a formación artística ata a produción de espectáculos de pequeno e gran formato. Algunhas das súas pezas son “Comechíns, segundo prato”, “Entre bechos anda o conto”, “Muiñada” ou “Carabela”. No 2022, Galeatro estreou o seu primeiro espectáculo para público adulto en coprodución co Centro Dramático Galego “Arte sen guión”, unha especulación escénica de como podería ter sido o teatro medieval en lingua galega. No eido da formación, Galeatro está presente en escolas de teatro de Bergondo, Carballo, Coruña, Oleiros e Ordes e o seu alumnado supera a cifra de 200. Galeatro naceu coa vontade de promover a creación escénica contemporánea en lingua galega, contando para iso con dramaturgos e dramaturgas galegas vivas. Proba disto son os seus espectáculos de sala “Muiñada” de Ana Carreira e “Carabela” e “Wombo Combo” de Paula Carballeira.
As aventuras de Mariña | Público familiar (+3 anos) | 40 min | En galego
Mariña é unha nena á que lle gusta moito o mar e os animais que nel habitan. Tódalas tardes mergúllase na auga para xogar cos peixes. Hai un que é moi especial. Chámase Xarda. Un peixe que fala e que lle conta historias sobre como é a vida mariña e tamén sobre os seus perigos.
A loita contra a contaminación, a amizade e o respecto son temas que están presentes en As aventuras de Mariña. Unha sesión de contos que combina a narración oral e o teatro de monicreques.