
Ángeles Goás
Mestra e narradora. Nacín nun pequeno barrio de Abadín, provincia de Lugo. Cheguei a este mundo con présa, coma se algo me urxira, sen saber moi ben o que... A tía Victorina e a mamá Flor, andaban por alí de cando en vez, e contáronme os meus primeiros contos. Tanto me gustaron que peguei o pedir un conto na miña boca. Souben axiña que viñera ao mundo para escoitar porque cando o facía, nada me urxía e dediqueime so a iso. Escoitaba a coñecidos e descoñecidos, aos vellos e non tan vellos, aos parentes que viñan de lonxe e aos de preto, aos meus amigos, aos veciños... Un día entendín que, quen escoita historias, ten que contar algunhas (que non todo o que che contan se pode contar) e empecei, aos poucos, a buscar quen me ensinase a facelo. Así,coñecín grandes mestres , persoas que admiro e espero que deixaran algo de pouso en min. Gústame, sobre todo, contar do que me contan, do que escoito, do que calei de nena... algunas son historas tinguidas de realidade, outras coa tinta caprichosa da memoria ou tecidas con fantasía...