
Carlos Otero
Carlos Otero Vilariño (Ferrol, 1968) é un arqueólogo estreitamente vencellado a Castrolandín. Dende 2000 ten coordinado o programa de colaboración entre a Fundación Terra Termarum e o Incipit (CSIC), dentro do cal ten dirixido 7 campañas de escavación e posta en valor do castro. Arqueólogo con ampla experiencia en proxectos de arqueoloxía en comunidade e no eido da divulgación do patrimonio, actualmente é técnico de investigación no Incipit, radicado en Santiago de Compostela.
Nestes días está a dirixir unha campaña de sondaxes arqueolóxicas no castro desenvolta ao abeiro dun programa de colaboración entre Incipit e a Deputación de Pontevedra, encamiñado á investigación de xacementos de tipoloxía diversa na provincia de Pontevedra. Neste programa o emprego de tecnoloxías de prospección xeofísica e teledetección ten un rol central.