Carme Varela e Carola Casal
800 anos das Giocondas galegas | Visita narrada a San Salvador de Vilar de Donas | Adultos
800 anos pasaron dende que unha man escribiu no lintel dunha porta dunha igrexa da Ulloa unha data. Este ano celebramos que a obra siga en pé.
Houbo naquel lugar unhas donas antigas que foron grandes señoras e deixáronlle en herdanza o nome ao Vilar, que en diante se chamou Vilar de Donas. Despois delas señorearon aquelas pedras os cabaleiros santiaguistas que viron pasar ao lonxe milleiros e milleiros de peregrinos camiño de Compostela.
Alguén pintou nas paredes das ábsidas daquela igrexa a beleza dunhas donas ás que Cunqueiro descubriu como brancas camelias e como flores de lis.
De todo isto e máis falarán Carola Casal e Carme Varela en Vilar de Donas.
Descubrídevos, volven as Donas do Vilar!
Entre o ben e o mal, entre o ceo e a terra. Descifrando o código de Santa María de Figueiras
“Non comades dela, nin a toquedes … É que Deus sabe moi ben que o día en que comerades dela, os ollos abriránsevos e seredes coma deuses, coñecedores do ben e do mal” (Xénese 3) Mais, por moita recomendación, Eva máis Adán comeron da árbore que mediaba o Xardín, da árbore do Ben e do Mal aquela que lles abriu os ollos e pola que se converteron en comúns mortais, aquela pola que foron expulsadas do Paraíso e pola que comezaron a morar na Terra, facendo as súas primeiras vestimentas das follas daquela incríbel árbore, a Figueira.
Comeza así, pola toponimia, un relato que nos levará a descifrar o código de Santa María de Figueiras, unha pequena parroquia rural encravada nun interesante locus arqueolóxico. Unha fábrica que sufriu diferentes transformacións mais que presenta un sobrio e magnífico programa iconográfico románico que se debate entre o ben e o mal e entre o ceo e a terra, e nos deixa albiscar no seu interior a importancia das propias decisións. Ves descifrar o código? Non perdas o fío do relato.