Festival Atlántica
Participantes
  • ATLÁNTICA 2026
    • Equipo
    • Apoios
  • Programa
  • Tenda
  • Contacto
  • ATLÁNTICA 2026
    • Equipo
    • Apoios
  • Programa
  • Tenda
  • Contacto
Carmen Conde

Carmen Conde

Carmen Conde leva máis de vinte anos recollendo, escribindo e contando historias. Percorreu toda a xeografía galega conversando con centos de persoas que lle legaron xenerosamente anacos marabillosos das súas vidas. Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomada en Dramaturxia pola ENERC de Bos Aires, desenvolve unha intensa actividade como narradora oral, dramaturga, guionista, escritora e docente. Cofundadora de Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, combina a creación escénica e audiovisual coa investigación e a recuperación da memoria oral. É autora do libro infantil Irimia e Telmo en terras do Miño, ilustrado por Álex Mallo, e desde 2009 imparte obradoiros de escritura e narración oral, convencida de que as historias son unha forma de preservar a memoria e comprender quen somos. Nos seus espectáculos, a palabra convértese nun espazo onde o íntimo e o colectivo se atopan, dando voz ao extraordinario agochado nas vidas aparentemente máis comúns.

O que non estaba escrito

O espectáculo ten este título porque os relatos que Carmen conta non estaban escritos —certo!—, mais tamén polo extraoficiais e especiais que son. Inspirados en todo canto apañou da oralidade, ficcionados pola propia Carmen nunha mestura indistinguible entre realidade e imaxinación, e devoltos á voz falada a través das narracións desta sesión para público adulto, conforman unha escolma na que ata a vida máis anónima roza o improbable e a maior normalidade choca co delirio.

Unha sesión onde Carmen falará de curas que se namoran, faixas de millóns en casas de pobres, bebés nacidos de hortas, mulleres evanxelizadoras do pracer ou o primeiro explorador de buratos negros, entre outros… Cada contada incluirá un repertorio distinto, perfectamente escollido en modo aleatorio para a ocasión.

CO APOIO DE