Festival Atlántica
Participantes
  • ATLÁNTICA 2026
    • Equipo
    • Apoios
  • Programa
  • Tenda
  • Contacto
  • ATLÁNTICA 2026
    • Equipo
    • Apoios
  • Programa
  • Tenda
  • Contacto
Celso F. Sanmartín

Celso F. Sanmartín

Celso Fernández Sanmartín é unha desas persoas que parecen feitas da mesma materia que os contos. Nado en Lalín en 1969, no barrio da Cacharela, leva décadas convertendo a memoria, a fala popular e as pequenas historias da vida nunha forma única de arte oral. Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, poeta, contador e impulsor de iniciativas culturais como FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais), Celso é hoxe unha das voces imprescindibles da narración oral galega contemporánea. O seu universo nace das conversas escoitadas ás persoas maiores, das aldeas, das cociñas, dos velorios, das feiras e dos silencios cheos de sentido. Recolle historias coma quen recolle sementes e logo fainas medrar diante do público cun estilo absolutamente persoal: delicado, divertido, profundamente humano e atravesado por unha musicalidade que converte cada palabra nun acontecemento. Nos seus espectáculos conviven a retranca, a poesía, a memoria e unha maneira de mirar o mundo chea de tenrura e intelixencia. Celso non conta só historias: crea un lugar ao que entrar. Un espazo íntimo onde a oralidade recupera toda a súa forza e onde cada persoa sente que alguén lle está falando directamente ao corazón. Autor de libros como A cama de meu avó Manuel, A cousa eterna, Poesía exágono, entre outros, a súa escrita comparte coa súa oralidade esa capacidade rara de atopar beleza no aparentemente pequeno e o extraordinario no cotián. No Festival Atlántica, escoitar a Celso Fernández Sanmartín é volver por un intre ao lugar onde nacen os contos.

Contar

Di Celso que Contar é un oficio que todos temos. “Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos.

Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir…

Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.

O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para amosar que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén reinvento historias e contos, coma calquera…

Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que sexa de trapo, nin o corazón de pedra.”

 

CO APOIO DE