
Chusa Pérez de Vallejo
Pedagoga e directora teatral, actriz, bailarina e intérprete de lingua de signos. Tras adquirir experiencia nas diversas facetas nas que se formou, atopa o teatro da escoita, que lle permite conxugar todas as súas inquietudes e á vez proxectar nelas a súa crecente sensibilidade social. Os seus inicios como actriz levárona a experimentar en varios formatos (teatro de rúa, teatro infantil, espazos informais, danza, maxia) e aproveitou para formarse nas distintas cidades nas que viviu: Santiago de Compostela, Zaragoza, Barcelona e Madrid... antes de dar o salto a Latinoamérica. Acumula experiencia e formación que lle axudarán a definir o seu propio proxecto multidisciplinar. Formada con Moisés Mato López no teatro da escoita, convértese nun dos activos máis representativos desta nova corrente que inaugura unha nova forma de entender o teatro social, político e de intervención. Ademais de ser responsable do Encontro Internacional de Teatro e Compromiso da “Plataforma A Desalambrar” desde 2002; traendo a Madrid expoñentes do Teatro Internacional como: Cesar Brie, Julian Boal, Cesar Escuza, Sanchís Sinisterra, Ricardo Talento, entre outros. É coa compañía de teatro "Os últimos", fundada o último día de 2006, que fará a súa achega específica a esta corrente durante uns anos moi intensos que a levarán a vivir a medio camiño entre España e Arxentina. Traballa e crea espectáculos teatrais con colectivos desfavorecidos (prostitución, persoas en situación de rúa, inmigrantes, centros de menores, discapacidade, centros de saúde…). Chusa Pérez de Vallejo creou espectáculos e impartiu cursos e charlas por toda a xeografía española, en varias cidades de Arxentina, Brasil, Perú e Uruguai. Ao seu regreso a Santiago de Compostela, pasa a formar parte do elenco de O charco de Ulises mentres continúa cos seus diversos proxectos artísticos e inclusivos.
CONTANDO POLOS DEDOS | Con Chusa Pérez de Vallejo | Adultos | En galego e lingua de signos