
Cris Collazo
Naceu en Santiago de Compostela no 1986 e medrou no berce dunha aldea chea de fábulas, contos e cantigas. Dos beizos das avoas saiu a maxia da literatura popular que fixeron pouso na súa formación e entendemento da arte dramática. No 2012 viaxa a Brasil para realizar unha xira coa compañía Arte Livre onde se afianzan as súas inquedanzas sobre o teatro infantil e a dramatización dos contos. Tras un ano de enchouparse na cultura e arte deste país, regresa a Bandeira para poñer en práctica estas aprendizaxes. Dende entón, a súa carreira artística mergúllase na creación de laboratorios, traballos audiovisuais en curtametraxes e a coordinación de proxectos teatrais e de índole social. Sempre cun obxectivo: fomentar o teatro no medio rural.
A VENDEDORA DE FUME | Familiar
Chafallas vai de vila en vila buscándose a vida, conta historias dos seus obxectos máis prezados e entretén á xente en troco de comida ou algo de diñeiro. Sabe facer de todo, ás veces sáelle ben, outras… non tan ben, pero o que si fai é poñerlle moi boa intención. É nómade, vai coa súa casiña ás costas e coma un caracol, leva historias enroscadas. Entende o idioma dos animais, é unha sabia da natureza e, sen sabelo, a primeira muller narradora que vive do seu oficio. As noites sen teito non son fáciles; e para pasalas, enreda coas palabras e a música ata durmir paseniño e que o fermoso son da alborada a esperte.
