Festival Atlántica
Participantes
Programa
  • Programa infantil e familiar
  • Programa adultos
  • Atlántica 2022
  • Equipo
  • Apoios
  • Contacto
  • Atlántica 2022
  • Equipo
  • Apoios
  • Contacto
Cris_de_Caldas

Cris de Caldas

Nacín entre os contos que me contaba a miña avoa Carmela para que comera, para que non comera tanto, para que deixara de gabear polas árbores, para que levantara o cú, para que falara, para que calara... Deste xeito, aprendín que había un conto para cada ocasión. Tanto conto me arrolou que quixen saber máis deles, polo que non quedou outra que estudar filoloxía pero iso non foi suficiente. Eu quería vivir entre contos, así que logo prepareime para ser bibliotecaria. E aínda que é un traballo moi creativo e divertido, ás veces sinto que os contos queren saír dos andeis e eu lévoos comigo para que os escoite quen sabe facelo. Outras veces, prefiro conversar con quen máis sabe e levar un anaco da nosa tradición no meu contar. Na actualidade, conto para todo tipo de públicos, para quen non ten nin un ano e para que pasa dos cen. Só se precisa orellas, para escoitar, corazón, para deixarse emocionar e boca para sorrir. Ti sabes escoitar? Pois eu teño un conto para ti.

FÍOS DA MEMORIA

Dorinda era tecedora e como tal traballaba para as casas, para as persoas e ata para os animais. Tecía panos, colchas, manteis e ata alforxas. Compoñía prendas para diario ou para vender como agasallos. Tecía de noite pois de día había que traballar nas leiras.

Pero nunca deixou de tecer soños dos que se teñen cos ollos abertos e as mans ocupadas.

Seguindo a súa vida, examinando a súa labor pregunteime polos fíos que todos temos no noso maxín e no noso corazón. Algúns son nosos e outros herdados. Algúns son propios e outros emprestados, pero tecen historias que prestan para escoitar cada día ou en ocasións especiais, para botar a diario ou para agasallar.

Hai fíos cos que tecer historias de amor, outros cos que recompor inxustizas, algúns fan unha bo pano de retranca e con outros urdimos viaxes ao mundo dos mortos.

Fíos do maxín cos que tecer a vida; haberá uns que leven ao sorriso e outros que non, tal como sucede no pano grande da vida. É o que ten a memoria da xente, sempre escoita e algo queda.

Son historias e contos de tradición oral cos que tecer a vida.

 

WEB ALOXADA EN
CO APOIO DE