
Dani Lago
Son actor e veterinario, e/ou viceversa, porque ás veces xa non sei se é o veterinario o que sustenta ao actor, ou é o actor o que salva ao veterinario nalgúns casos. A miña experiencia profesional como actor remóntase a cando era un cativo, tanto en teatro como en audiovisual. A de veterinario é algo máis recente, pero non por eso menos densa. Que que ten que ver isto coa narración oral? Pois que o veterinario escoita historias e incluso vive experiencias na propia carne e o actor devece por compartilas. Ademais, sempre tiven especial ilusión dende moi novo. Como curiosidade, a miña primeira mestra de teatro foi Ana Carreira, e o meu primeiro traballo profesional foi ao carón do gran e querido Xosé Lois Bernal, polo que é lóxica a miña atracción polo oficio. Teño moi pouca experiencia, digamos seria, como narrador, pero a vida quixo que nestes últimos anos me topara con outro gran profesional como Santi Prego, tamén como mestre, e ao final, entre unha cousa e outra, pois aquí estamos: con nervios e respeto, pero con moitas ganas e a ilusión dun pequeno.
