
Fernando Saldaña
Fernando Saldaña é, ante todo e, sobre todo, contacontos. Tamén é mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico. Saldaña ten traballado na radio e en televisións locais, foi deseñador gráfico, locutor, profesor de circo e de programas informáticos... Pero o que máis lle gusta é contar historias. A todos. Para todas as idades: desde os bebés, ata os que hai tempo que chegaron aos cen. Nos seus cofres, baúles e maletas ten contos gardados para todos e cada un. Saldaña asenta a narración nos obxectos cotiáns, nos xogos de maxia, en bonecos e monicreques, no seu corpo e na súa voz, para que vivas cada unha das súas palabras, como el as goza cando sobe a un escenario, ou se coloca diante do seu público nunha escola, biblioteca, xardín ou praza.
Robinsón e o seu loro | Nenos de 3 a 5 anos | 60 min
Un mariñeiro enfróntase a unha terrible tormenta que o fai afundirse. Chega a unha illa na que atopa un loro que o axudará a volver á casa. Espectáculo de contos con descontextualización de obxectos e algún xogo de maxia baseado en El loro de Robinson de Antonio A. Gómez.
O peixe de ouro | Público familiar | 60 min
Baseado no conto clásico, narra a historia de avaricia dunha familia que, tras recibir un desexo por parte dun peixe, quere máis e máis e máis.