
Francisco do Romualdo
Francisco do Romualdo é o nome artístico do zanfonista e cantor Francisco Almuíña. Logo de perder a vista, Almuíña cambiou a súa profesión de enfermeiro pola actividade artística e a defensa do patrimonio cultural galego. Tamén xestiona coa súa muller unha casa rural no lugar de Vilar, en Lugo, alén de presidir a Asociación Profesional Ribeira Sacra Rural, da que é o fundador. Na actualidade é o único artista invisual verdadeiro que representa os cantos de cego.
PAUS DE CEGO | 60 min
Paus de cego é un concerto didáctico con pingas da literatura oral e da música popular que persoas cegas veñen interpretando dende hai séculos. O Francisco do Romualdo ofrece unha amena escolla de cantares, romances e coplas tradicionais e contemporáneas. Canda a el hanse poder degustar saborosas peciñas da nosa cultura, que sinxelas, actuais e divertidas, son quen de recrear gozosas lembranzas e seguir engaiolando a cantas persoas participan. Trátase de romances e cancións coma os Milagres de Santo Antonio, Os mandamentos do amor, o Romance da lavandeira, o Romance das sete chaves ou Crime de Catoira, algúns acompañados coa banda deseñada da época: as maltrañas (cartelóns debuxados).