
Guillermo Llorca
ROTEIRO POLA RÍA DE FERROL
Antes de embarcar na lancha imos deternos en comentar algúns dos lugares máis representativos do barrio de Ferrol Vello, o primeiro núcleo de poboación da cidade: a rúa do Castro coa orixe no castro marítimo, a rúa do Espíritu Santo na orixe do Camiño Inglés e as vivendas mariñeiras de balconada de madeira, A Cortina, como parte do muro defensivo do Arsenal militar e a Sala de Armas, emblema da arquitectura neoclásica do século XVIII.Ao longo do periplo marítimo imos falar da configuración xeográfica da ría como determinante na elección da Base Naval do noroeste peninsular no século XVIII. E tamén haberá tempo para A Graña (de primeiro arsenal e Estaleiro Real a partir de 1726 a Base Naval), a polvoreira do Vispón, as fortalezas defensivas dos castelos de San Felipe, San Martiño e A Palma, as baterías defensivas de San Carlos, San Cristovo, Cariño, Viñas, Caneliñas, Prioriño Chico e Doniños e, por suposto, Mugardos.