Inacio Vilariño
Fantoches Baj é unha compañía creada inicialmente en Portugal por Inacio Vilariño no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo Tío Miseria (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo O asombro (2010) ou a utilización do kamishibai xaponés en As pombas de Carboeiro. Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Co seu espectáculo Os golfiños e o xigante obtivo o Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil.
Burromaquia | Público infantil (+3 anos) | 50 min
Burromaquia é un espectáculo de narración oral que reúne unha selección de contos, fábulas, poemas e cancións nas que se fala con simpatía dese animal tan entrañable que é o burro. A través da súa participación, os rapaces e rapazas van descubrindo a historia do burro da Tía Lola, personaxe que popularizaron nun pasodobre os gaiteiros Os Dezas de Moneixas.