Festival Atlántica
Participantes
Programa
  • Adultos
  • Infantil e familiar
  • Atlántica 2023
  • Equipo
  • Apoios
  • Contacto
  • Atlántica 2023
  • Equipo
  • Apoios
  • Contacto
Guti

José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’

‘Guti’ é gaiteiro, cantador, bailador e sobre todo contador de historias. O feito de chegar ao conto como parte dun traballo máis amplo dedicado desde hai moitos anos á etnografía fíxolle preparar un espectáculo no cal procura cinguirse ao que estritamente aprendeu en longas veladas de cociña e sobremesa nas vilas de Zamora, León e Salamanca, principalmente. Todos os contos e romances que usa foron recollidos directamente de narradores tradicionais, na súa maior parte anciáns do mundo rural cos que compartiu moitos bos intres. Así se procura conservar o carácter dialectal de cada narración así como a atmosfera que envolvía ao narrador tradicional, carente de artificios nun mundo sen tele nin radio. O conto téntase transmitir en toda a orixinalidade que o público e o espazo de narración permiten asumindo o salto que supón para a mesma narración o pasar dun fogar aceso ou dun portal dunha casa no verán nun pobo a un escenario e ante un público que en moitos casos perdeu o seu referente rural. ‘Guti’ traballou principalmente na contorna rural tentando dalgunha maneira de restablecer a cadea de comunicación-transmisión de cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.

Cando deus andaba polo mundo | Público adulto | 90 min -ESTREA ABSOLUTA-
O relato de orixe relixiosa foi unha fonte inesgotable no repertorio dos narradores tradicionais que toman dos evanxeos, dos textos apócrifos, da memoria colectiva pasaxes, aventuras, consellos, que pasadas polo filtro do contar e escoitar mil veces, transitan desde o moral, ao exemplarizante, pero tamén desde o humorístico ao máxico e mesmo, cara ás herexías perdidas nos confíns dos concilios.
Moitos destes relatos foron usados nas predicacións dos pais misioneiros, que durante séculos percorreron todas as parroquias por remotas que fosen. Eran auténticos especialistas en explicar, en emocionar a unha audiencia analfabeta e sabia cos relatos que emanan da divindade, relatos que logo pasaban a ser contados ao redor do lume, en xuntanza de pastores, en festas de mozos, separándose da doutrina e achegándose ao que o pobo lembra e conta.
Destes relatos nútrese Cando Deus andaba polo mundo, fórmula coa que en Aliste empezan a maioría dos contos de asunto relixioso. Esta sesión reúne relatos escoitados en Noz de Aliste que narran as aventuras de Cristo e San Pedro polas terras da raia entre España e Portugal, historias onde a bondade e o enxeño de Cristo contrapóñense a un San Pedro, bruto e teimudo, relatos da fala dos animais e doutros sinais evidentes da presenza de Deus entre os homes, relatos onde o humor, a sátira e a crítica están sempre presentes. O espectáculo recolle ademais En la diestra de Dios Padre, un conto publicado en 1897 polo escritor costumista colombiano Tomás Carrasquilla, que é a adaptación dunha serie de contos tradicionais de orixe europea que sen dúbida circulaban na súa Antioquía local na fala da xente. Salvando as distancias que a fala común pon nos relatos orais, o conto escrito polo colombiano achégase ás versións orais que Guti escoitou polas aldeas do Aliste e Sayago zamoranos e de Salamanca, non só no contido senón tamén no modo de contar: no ritmo e os silencios do narrador tradicional, nese son limpo do oral que maxistralmente conserva Carrasquilla, o son do Señor Cristino de Barruecopardo e de Angel de Badilla de Sayago que contaron as versións coas que xoga Guti.

Historias de filandar | Público adulto
Neste espectáculo o romance e o conto tradicional vanse zarrapicando da xeografía, da vida das cociñas, dos traballos do campo, das historias de vida de cada informante, e de cada vella que entra e sae do escenario da man deste zamorano. Funciona como un exercicio de agradecemento a quen lle regalou o testemuño dun mundo oral, e aspira a ser, para quen escoita, unha volta ao tempo feliz no que a palabra do vello era necesaria

WEB ALOXADA EN
CO APOIO DE