José María Eguileta
Un paseo pola evolución urbana de Ourense
A visita, cunha ruta organizada polas rúas e prazas da cidade histórica, intenta explicar a evolución da urbe dende o seu nacemento, na etapa romana altoimperial, ata a entrada na Idade Contemporánea.
Predominaron varios criterios na elección do solar no que se crea o primeiro aglomerado de carácter urbano, que segundo a información que proporcionan as escavacións arqueolóxicas, estenderase entre a praza da Madalena, As Burgas e O Posío, e estaría marcado polo carácter itinerario do val de Ourense e o poderoso simbolismo das augas sagradas das Burgas. Ao núcleo primixenio lle sucede a cidade medieval, medrando cara ao norte e consolidándose ao redor do núcleo bispal, que no seu maior esplendor, formaba unha auténtica “acrópole episcopal” entre a Catedral, o Pazo Episcopal e as propiedades que o rodeaban, chegando ata a rúa da Barreira. Este centro relixioso e de poder organizou a cidade medieval tanto dende o punto de vista urbanístico, as rúas e prazas que se organizan ao seu redor, como social, económico e político, dado que Ourense foi señorío episcopal algo máis de cinco séculos, sempre en pugna cos emerxentes poderes laicos municipais e da coroa. Nos séculos centrais desta etapa sitúase o primeiro asentamento franciscano, a súa destrución e a posterior reconstrución nas ladeiras do Montealegre.
A Idade Moderna denota unha notable secularización edilicia, representada polos pazos urbanos de familias nobres, os dos Oca-Valladares, Armada, Gayoso e outros que renovan e embelecen o casarío urbano. Este tipo de edificacións complétase con dúas novas ordes relixiosas que, co seu establecemento, modifican e engrandecen a cidade: os dominicos e os xesuítas. Así chega Ourense á Idade Contemporánea, cando acada categoría de capital de provincia, case co aspecto do que hoxe denominamos cidade histórica, a “cidade vella”, que no século XIX era, simplemente, Ourense.