Luis Prego e Samuel Soto
Luís Prego é mestre de baile e música tradicional dende 1989. Estudoso e investigador do folclore tradicional galego. Autor dos libros Para cantar e bailar (Ed. do Cumio, 2008), e Xogos musicais (Ed. do Cumio, 2013). Creador e administrador do grupo de Facebook Baile e música de Galiza e da páxina Un punto ao día con Luís Prego. Fundador e primeiro director do grupo O Fiadeiro de Vigo. Director dos grupos Albendeira, Tralovalo e Adonairare, entre outros. Director do Orfeón Mariñeiro do Berbés (da A.VV. do Casco Vello de Vigo). Ex director dos grupos Brincadeira de Santiago de Compostela e A Buxaina de Vigo. Membro do grupo de música folk Ardentía. Ao longo da súa traxectoria ten impartido cursos e obradoiros de música e baile tradicional en numerosos centros galegos da diáspora: Arxentina, Perú, Brasil, Francia, España e Portugal. Na actualidade continúa a súa actividade docente nas disciplinas de gaita, requinta, acordeón, percusión, baile tradicional, canto tradicional e canto coral. Samuel Soto, multiinstrumentista e compositor nacido en Quiroga (Lugo). Mestre de corda e canto membro de grupos coma Sondeseu, Ardentía, Manoele de Feliza Isidro Vidal e músico e corista do Proxecto Prende no Colo xunto a Luis Prego. É un apaixonado da música tradicional e gústalle moito compoñer. O amor vénlle xa desde pequeno cando, tiña que plasmar en canción as experiencias que o emocionaban.
Xogos musicais | Nenos 3-6 anos | 45 min
Obradoiro que achegará cantigas, recitados, danzas e xogos cantados e bailados para iniciar aos cativos e cativas nas melodías e ritmos tradicionais, traballando a psicomotricidade, o sentido do ritmo e desenvolvendo unha actividade musical en grupo.
As cantigas estarán acompañadas por música en directo, presentando aos participantes os diversos instrumentos empregados.
Con Samuel Soto.
Prende no colo | Bebés (0-3 anos) | 45 min
Sesión musical para aprender cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas pensadas para iniciar as crianzas na linguaxe, no ritmo e na melodía.
Con Samuel Soto.