
Luis Prego
Mestre de baile e música tradicional dende 1989. Comezou no mundo da danza a idade de catro anos, na escola do prestixioso grupo vigués Lembranzas Galegas. Estudoso e investigador do folclore tradicional galego. Autor dos libros Para cantar e bailar (Ed. do Cumio, 2008), e Xogos musicais (Ed. do Cumio, 2013). Ten participado en numerosas conferencias e escrito sobre o folclore tradicional en varias revistas especializadas. Fundador e primeiro director do grupo O Fiadeiro de Vigo. Director dos grupos Albendeira, Tralovalo e Adonairare, entre outros. Director do Orfeón Mariñeiro do Berbés (da A.VV. do Casco Vello de Vigo). Ex director dos grupos Brincadeira de Santiago de Compostela e A Buxaina de Vigo. Membro do grupo de música folk Ardentía e colaborador en varios traballos discográficos como músico ou asesor, tales como In Mare, Se non fora por quen baila e Orfeón Mariñeiro do Berbés. Ao longo da súa traxectoria ten impartido cursos e obradoiros de música e baile tradicional en numerosos centros galegos da diáspora: Arxentina, Perú, Brasil, Francia, España e Portugal. Na actualidade continúa a súa actividade docente nas disciplinas de gaita, requinta, acordeón, percusión, baile tradicional, canto tradicional e canto coral. Recibiu recoñecemento público pola súa traxectoria profesional no X Día do orgullo gaiteiro, organizado pola AOFT Gomes Mouro, e no 75 Festival de música tradicional Os Alegres, organizado polo grupo de gaitas Os Alegres de Pontevedra.
Un punto cada día
Un espectáculo para bailar, xogar bailando, cantar e coñecer variada instrumentación tradicional.