
Pablo Díaz
Pablo Díaz é un prestixioso músico coruñés que debutou en 2009 apadriñado por Santiago Auserón co traballo discográfico Tic tac (ed. Kalandraka). A obra acadou un éxito espectacular en Galicia, xa que a primeira edición do traballo esgotouse en tres meses e vai xa pola quinta edición con máis de 5000 exemplares vendidos. Con este traballo resultou un dos tres finalistas nos premios galegos da música Martín Códax e foi o gañador do galardón “Anisia Miranda á creatividade infantil” en 2011. En novembro de 2013 publicou o seu segundo traballo, Toc toc (ed. Galaxia), que serviu para reafirmalo na escena musical galega: premio ao mellor traballo de música infantil nos Martín Códax 2014 e unha xira por máis de 50 concellos de Galicia. Un ano máis tarde presentou un novo traballo máis íntimo e dedicado ao público de menor idade, Xente miúda, moita fartura, apostando nesta ocasión pola auto produción e coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey. A finais do 2016 publicou Tic tac toc, ilustrado por Almudena Aparicio. Con este espectáculo fixo unha xira por 50 concellos da nosa comunidade. O último traballo de Pablo Díaz é Coas miñas mans, que saíu ao mercado en xuño de 2018 con moi boa acollida por parte do público familiar.
CANTACONTOS | Contos e música | 0-5 anos
Unha sesión de contos para nenas e nenos de 0 a 5 anos coa música como fío condutor, onde a fantasía, a lingua e a ilusión serán as protagonistas. Nela, Pablo Díaz irá mesturando contos con algunhas cancións dos seus discos Tic Tac, Toc Toc e, principalmente, Xente miúda, moita fartura.