Festival Atlántica
Participantes
  • ATLÁNTICA 2026
    • Equipo
    • Apoios
  • Programa
  • Tenda
  • Contacto
  • ATLÁNTICA 2026
    • Equipo
    • Apoios
  • Programa
  • Tenda
  • Contacto
Rafa Quintía

Rafa Quintía

Rafa Quintía é unha das voces máis singulares da antropoloxía galega contemporánea. Cunha mirada lúcida e fondamente comprometida coa cultura do país, leva anos explorando e narrando o imaxinario galego desde múltiples frontes: a investigación, a divulgación, a docencia e a creación audiovisual. Nado en Vigo en 1971, é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Económicas, e conta cun mestrado en Educación Secundaria. Dirixe a empresa Ab Origine, especializada na posta en valor do patrimonio inmaterial, e exerce como profesor na UNED. A súa obra escrita abrangue máis de trinta libros nos que se mergulla na mitoloxía, o simbolismo, a relixión popular e as crenzas tradicionais galegas. Entre os seus títulos máis destacados están Mitoloxía de Galicia, Heichas contar. Contribución ao corpus mitolóxico galego, Mariña inmaterial, Pola graza de Deus. A relixiosidade popular en Galicia ou Descifrando o Entroido. Nos últimos anos publicou tamén Dicionario dos amuletos galegos, A etnomedicina galega e A pedra da pezoña, obras que continúan afondando nas crenzas, símbolos e saberes da cultura popular galega. Ademais, participa activamente en proxectos de divulgación e defensa do patrimonio cultural galego, como a asociación Mariña Patrimonio. Tamén é autor de documentais que exploran rituais, festas e paisaxes culturais de Galicia, combinando sensibilidade estética e rigor académico. Premiado en diversas ocasións —entre outros, co Ramón Piñeiro de Ensaio ou o Vicente Risco de Ciencias Sociais—, exerce como presidente da Sociedade Antropolóxica Galega e destaca como dinamizador activo do coñecemento popular e do patrimonio invisible. O ano pasado deixou pegada en Santo André de Teixido, nun encontro que foi un auténtico éxito e onde o público quedou atrapado entre historias de mortos, romarías, crenzas e camiños antigos. Por iso regresa este ano ao Festival Atlántica, desta volta baixo un carballo cheo de historias, nun deses lugares onde semella que a memoria segue falando baixiño entre as follas. A súa participación no Festival Atlántica é unha oportunidade única para escoitar como a tradición cobra nova vida cando se conta desde o respecto, a paixón e o coñecemento profundo.

No país das cousas marabillosas

O antropólogo Rafa Quintía convídanos a descubrir o fascinante mundo dos amuletos galegos nunha sesión moi especial onde se mesturan maxia, menciña popular e narración oral. “O mundo dos amuletos na cultura popular galega” non é unha charla ao uso: é unha viaxe chea de contos, lendas e saber tradicional. Acompañarémolo nunha sesión onde cada historia nos conecta co coñecemento ancestral herdado dos nosos devanceiros. Rafa ten o don de facer que escoitar sexa lembrar: rescata o que fomos e fainos rebuscar nas nosas memorias, cun estilo ameno, próximo e apaixonado. Un encontro para gozar, sorprendernos e recoñecer a forza da tradición que aínda vive en nós.

CO APOIO DE