
Ramiro Neira
Ramiro Neira é diplomado en Maxisterio, na especialidade de Audición e Linguaxe, conta con experiencia en Galicia como actor, director, docente, produtor e distribuidor teatral. Como actor traballou e traballa con diferentes compañías: Artestudio Teatro, Sardiña, Tea, Estragón, Grupo Institucional da Universidade da Coruña, Teatro da Bufarda, Espello Cóncavo, Teatro da Lúa, Casa Hamlet, Patatín e Patatán, entre outras. Como docente e director coordinou grupos en Sardiña, Gangarilla, Instituto María Casares, Centro Fonseca, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Concello de Ordes, Fogar do Maior do Barrio das Flores, Artestudio e Forum Metropolitano. Na súa faciana de produtor e distribuidor traballou con Teatro da Bufarda, Hac Luce Universidade da Coruña, Teatro da Lúa, UVG Teatro, Galileo Teatro, Ballet Studio, Paparota Teatro. Actualmente compaxina o seu labor como docente, actor e director coa coordinación de diferentes proxectos do Concello da Coruña e do Forum Metropolitano, como son o programa Horas Punta, Mostra de Teatro Escolar e os Encontros de Teatro Independente da Coruña.
Contos no ar
Esta é a historia dun cazador de contos, Peter Hamelin Merlín tamén chamado “Ti”.
Os contos son como bolboretas ou avionciños de papel, hainos grandes e pequenos, hai bolboretas amarelas e contos alegres, hai bolboretas negras e contos tristes, e todos voan por ese marabilloso Mundo das Ideas, no País dos Contos que podedes atopar cando pechades os ollos e pensades.
“Ti” caza contos e ponos en gaiolas que el mesmo fai coas palabras e así, entrégallos a nenos e nenas que abrirán as gaiolas para que saian voando as historias.