
Raquel Méndez
Diplomada en Ciencias da Educación. A partir de 1998 toma contacto co mundo do libro e o álbum ilustrado. Empeza a colaborar con editoriais levando a parte de animación á lectura, dedicándose especialmente a contar contos, impartir obradoiros e cursos de formación. No 2006 entra a formar parte do equipo de OQO editora no departamento de dinamización lectora, deseñando e desenvolvendo campañas de lectura. Ten realizado adaptacións de contos clásicos; entre elas, Os tres porquiños de OQO editora.
Contos para dar e tomar | Público infantil +4 anos | En galego
“Percorrer o mundo, abrir os ollos e aproximarse a todos os recantos á procura de historias”.
Os contos existen desde sempre para enfrontar o frío, o medo, nacen da palabra, do xesto e da voz. Son patrimonio universal dunha imaxinación colectiva de culturas diferentes. Mediante a narración destacamos a importancia de achegar a tradición oral de contos de diferentes países para compartir realidades culturais. En Contos para dar e tomar as historias percorren polo aire milleiros de quilómetros, crecen, mudan, transfórmanse e mestúranse.
Son contos sen dono, contos de todos os tempos, de todos os lugares, nunha viaxe polo mundo a través das lendas e dos contos da editora OQO.