Festival Atlántica
Participantes
Programa
  • Programa infantil e familiar
  • Programa adultos
  • Atlántica 2022
  • Equipo
  • Apoios
  • Contacto
  • Atlántica 2022
  • Equipo
  • Apoios
  • Contacto
Queizas

Raquel Queizás

Nacín en Queirugás, unha pequena aldea preto de Verín (Ourense). Das historias que escoitaba aos meus avós xorde a miña paixón pola narración oral, pola lingua, pola lectura e polo teatro. Naquela época sabía a hora exacta polo sol, xogaba con bonecas feitas con carozos de millo e hipnotizaba galiñas. A pesar da miña timidez, no patio do colexio reproducía para as miñas compañeiras e compañeiros esas historias escoitadas a carón da lareira.  Son actriz, monicrequeira, filóloga (Universidade de Santiago, 1998), e sobre todo, contadora de historias. O meu repertorio inclúe contos tradicionais, lendas de cada recuncho, adaptacións de contos de autor e historias propias. Quizais fose polos contos que me contaba a miña avoa (porque a memoria dos antepasados non só é vida, senón sabiduría pura), quizais porque a nena que levo dentro segue soñando con ese mundo de fantasía, fose como fose, os contos forman parte da miña vida persoal e profesional. Levo xa vinte anos inmersa profesionalmente no mundo dos contos e do teatro.

O ECO DAS PEDRAS | Público familiar, para nenas e nenos a partir de 5 anos

Existiu hai moito tempo, en Galicia, unha aldea chamada Veromundo chea de lendas que se escondían nas covas e mámoas de pedra. Este lugar desapareceu co paso do tempo, ninguén se lembra xa do seu nome. Pero, de cando en vez, sen previo aviso “aparece” diante dos nosos ollos un cova de Veromundo, na que habita unha moura, unha sabia, unha encantada que conta o que non está escrito empregando para iso os petróglifos que rodean a súa morada.

Na nosa terra, Galicia, as pedras están vivas. Nelas agóchanse tesouros, nelas viven as mouras encantadas, as serpes grandes, os mouros, os trasnos, os xigantes. Dentro das covas dormen as nubes do Nubeiro antes de formar fortes treboadas. Sobre as pedras descubrimos misteriosos petróglifos, gravados feitos sobre a pedra ao aire libre, que semellan mensaxes secretas que temos aínda que descrifrar. As pedras falan, só hai que pararse a escoitalas para poder viaxar ao outro lado, alén.

Espectáculo de narración oral con manipulación de obxectos, monicreques e proxeccións. Con este espectáculo de narración oral preténdese que a cativada coñeza o valor do noso patrimonio cultural material e inmaterial, que redescubran os nosos petróglifos para que aprendan a estimalos e a coidalos e que coñezan os contos e lendas que nos fan pobo para que logo lles pregunten aos seus avós e bisavós por eles. Para que as historias revivan de cada vez e nunca se esquezan.

WEB ALOXADA EN
CO APOIO DE