
Rosa Gonçalves
Brotaran os caraveis na xanela e Rosa naceu! Licenciada en humanidades, sempre rodeada da palabra contada, cantada, declamada, que tan ben alimenta a liberdade de voar, mergullar, florecer ou tronar e ventar! Á pata coxa saltou entre o xornalismo e o ensino e alí pousouse na narración. Co posgrao en Arte de contar historias do ISEC, e o curso de contadores de historias da Escola de Teatro Evoé, participou en encontros de narración oral, como Read On, Rio de Contos, Mostra Internacional de Teatro (MIT), Festival Ouvidoria ou Festival Contamina, entre outros. Tamén dinamiza o proxecto Contos d'Algibeira e o festival PenamaContos. Tamén é autora dos libros de contos tradicionais Estes é que são os contos, estes contos é que são e Dois contos maravilhosos e uma macacada editados polo municipio de Penamacor.
Ao toque da palabra | 3-103 anos | 60 min
Narración oral de contos tradicionais ao toque do adufe cun pé no cancioneiro popular. É un paseo narrativo onde reina a liberdade para soñar(se) e ser todo: pitos pelanudos, ribeiras cantareiras, laranxiñas máxicas e lobos feroces e voraces.
Rodela de cantos e contos | 5-105 anos | 60 min
Unha rodela de poesías, contos e cantos tradicionais chegados dos catro ventos que, entretecidos, fan voar as cabezas no mundo das memorias e da imaxinación.