
Sofia Maul
DRAGOEIROS E BIOSBARDOS | con Charo Pita | Infantil e familiar (+3 anos)
Un espectáculo a dúas voces entre Maul e Pita onde ambas as dúas compartirán co público as historias das respectivas aldeas. É tamén unha oportunidade para se achegar á tradición oral lusófona da man dunha das súas contadoras máis reputadas. Maul adoita incluír no seu repertorio historias de Madeira, a súa illa natal, que reflicten a idiosincrasia deste cachiño de terra no medio do océano.
CONTOS DE ARREPÍO | con Paula Carballeira | Adolescentes e adultos
O medo é unha das poucas cousas que non buscas. Ao medo atópalo. Os chamados “contos de medo” só perseguen o arrepío do momento, unha lixeira inquedanza, unha sensación de vento frío que che aloumiña o pescozo. Candeas, aparecidos, ánimas en pena, agoiros, avisos… Ben se pode dicir que o arrepío forma parte do outono e do inverno, e dalí proceden a maioría destas historias, das longas e escuras noites coa néboa ás portas.
Contos que foron tecendo narradoras e narradores anónimos, ás veces recollidos por escrito, a maioría transmitidos oralmente para lembrarnos que a morte está á espreita, e que por iso hai que sentir con intensidade, tremer rir cando o medo nolo permita, para esquecer por un momento o que agochan as tebras.