
Vero Rilo e Santi Cribeiro
Vero Rilo é narradora oral. Antes era educadora infantil, pero quitouse diso. Dende 2013 leva contando contos, historias de vida, e outras lerias para todo tipo de público. A música está moi presente nos seus traballos a dúo aínda que, por máis que o intente, nunca aprenda a cantar nin a tocar a pandeireta. Tamén conta soa, é na variedade que atopa o gusto. Feminismo, tradición, memoria histórica, resistencia, alegrías, afectos e rebeldías aparecen consciente e inconscientemente no seu repertorio. Sempre lembra as palabras de Castelao “cada vida é una novela que se perde”. Se cadra é por iso que conta para non perder. E conta o que aprendeu a ser, o que outras foron, o que son. Conta o que a (con)move, di que así a memoria non morre… Santi Cribeiro. Malia a que se formou como pianista, o seu instrumento predilecto sempre foi o acordeón. Comezou a tocar dende bastante novo con Debadoira na súa vila, Cedeira. Máis adiante trasládase a Vigo, onde se integra no Grupo didáctico de Instrumentos Populares da Universidade Popular de Vigo. A comezos dos 90 cofunda Matto Congrio con, entre outros, Anxo Pintos, Isaac Palacín e Carlos Núñez. En 1995 é un dos cofundadores de Berrogüetto. Tamén ten colaborado con Uxía Senlle, A Banda das Crechas, Fuxan os Ventos ou Anubía. Dende o ano 2019 fai parte da banda folk Os d´Abaixo cos que grava o disco “Somos Pedra”
Lavandeiras | Público adulto
As mulleres á beira do río, de xeonllos, fregando a roupa, tecen unha estampa que se repetiu, forzosamente, ao longo da nosa historia. Ao seu redor, as lendas e as historias sucédense por toda a nosa xeografía, tanto física como identitaria: dende as lavandeiras nocturnas enchoupadas en sangue até o traballo colectivo das lavandeiras de Redondela, na Illa de San Simón.
Memoria histórica, igualdade, historias de vida, augas correntes, algo do que se calou e todo o que queremos contar e cantar para poñer as roupas a clareo.