
Vero Rilo
Lavandeiras | Público adulto | Con Sonsoles Penadique (acordeón)
O oficio das lavandeiras forma parte do noso imaxinario colectivo. As mulleres á beira do río, de xeonllos, fregando a roupa tecen unha estampa que se repetiu ao longo da nosa historia. Ao seu redor, as lendas e os contos sucédense por toda a nosa xeografía, tanto física como identitaria.
Vero Rilo recolle ese patrimonio oral, dálle forma e agasállallo ao público, descubríndolle os outros relatos que rodean os lavadoiros: dende as lavandeiras nocturnas enchoupadas en sangue que xurdían da noite traendo malos presaxios até a traballo colectivo das lavandeiras de Redondela, na Illa de San Simón cando a guerra. Tamén conta de Manuela Lores, das fontes, dos ríos e de poñer os pés a remollo cada día… A voz de Vero Rilo enfía estas pezas da nosa historia nun espectáculo único, de memoria e coñecemento, propio para un público adulto con curiosidade polo noso devir como pobo.
Tralalareira | Público adulto | 60 min
Nesta ocasión a narradora Vero Rilo acompáñase de Santi Cribeiro (Berrogüeto, Matto Congro, Os d´Abaixo…) ao acordeón. Este espectáculo nace da boca dunha muller, da señora Isolina, “ai neniña, o que se contaba darredor dun lume”, que dicía ela. Esa frase fixo prender a lareira, e que cociñásemos historias de vida, de tradición oral e contos de autor/a xunto con músicas para cantar acompañadas.
Ela sempre dicía tamén que a vida é curta e logo pasa… Fixo iso que sacásemos o viño vello e o viño novo e que brindásemos. Lume, palabra, mulleres e música para contar e cantar con alegría parte da memoria dun pobo. Tralalareira é un espectáculo a pedir de boca, con humor e viño, para padais pouco finos e gorxas cantareiras, todo o que se escoitaba (e o que non) tras dunha lareira… Vai outra?