
Zé Pumar
Zé Pumar estudou Historia e Ciencias da Música nas universidades de Salamanca e Lisboa e a especialidade de piano nos conservatorios de Cangas e Santiago de Compostela. Leva máis de 20 anos exercendo como profesor de música no ensino secundario compatibilizando esta actividade coa participación en diferentes proxectos musicais dos que destacan os grupos Na Virada, Pumar e Prieto, Pardal na rúa e, actualmente, Mediarea. Compuxo música para teatro en dúas ocasións (María Soliña - O desembarco, producida por Teatro de Ningures en 2009 e Alicia e Alicia de Producións Artística en 2010). Malia ser multinstrumentista, nos últimos anos inclínase polo acordeón como instrumento principal e pola música tradicional, jazz e música contemporánea como xéneros referentes.
Contos de revolución entre Brassens e Neira Vilas | 60 min
Disque cando unha bolboreta axita as súas ás en Australia, pode provocar un furacán en América. Tamén chamada teoría do caos. A revolución do caos, non chega cunha bolboreta, nace con Neira Vilas, mellor con “Memorias dun neno labrego”, e xa non hai volta, arrástrao todo. Unha revolución que nos vai levar desde Bos Aires ata a caída do muro de Berlín. Esta viaxe vai facer parada en maio do 68, nas barricadas de París, na chegada dos Tamara a sala Olympia e nos movementos anarquistas acompañados de Brassens. Unha banda sonora en francés que nos vai acompañar neste camiño da revolución provocada por “Memorias dun neno labrego”.