Xoves 12 de marzo de 2015 – 20:30 h
Debe haber ganas de contos e de historias. Dez minutos antes da hora de inicio do espectáculo, a xente está xa a mercar entradas e ocupar cadeiras no pub Dado-Dadá, unha das novas sedes do Festival Atlántica este 2015.
Entre o público hai bastantes asiduos ó festival e algún dos contadores que participarán nel estes días, como Avelino González, que non perde a ocasión para escoitar as historias de José Luis Gutiérrez ‘Guti’.
Cousa lóxica, pois segundo conta na súa introducción Soledad Felloza, directora do festival, foron os propios Avelino e Quico Cadaval (contará xusto despois), quen lle estiveron “vendendo” a este narrador zamorano ata que o trouxo a ‘Atlántica’.
‘Guti’, ataviado con vaqueiros, camisa de cadros e barba, inicia a súa contada arremagándose paseniño e cun ritmo pausado, seguramente o propio dos vellos e vellas que lle contaron as historias que comparte agora co público compostelán. Historias que sucederon realmente e nas que os anciáns que llas transmitiron, participaron nelas ou coñeceron os seus protagonistas:
Un ferreiro que se converte en cura tras substituír un seminarista no seu último exame; Un marido amolado con que a súa muller vaia confesarse a diario; Unha esposa visitada polo cura, polo sacristán máis polo alcalde…
Nestas historias recollidas en aldeas de Zamora, Salamanca e León, que mesmo cruzan a raia e visitan Portugal, repítense dúas constantes; A picardía sexual e a sátira contra as figuras eclesiásticas.
Se no seu primeiro conto ‘Guti’ vaille tomando o pulso a un público aínda frío, xa na súa segunda historia meteos no peto. Segundo avanzan os contos, os risos e o bo rollo que se instala no Dado-Dadá, semellan verificar unha idea: Podemos ser todos moi modernos e modernas, pero as vellas historias de mulleres que enganan ó marido, sacerdotes que durmen a diario coa ama e maridos que sortean a cornamenta (ou acéptana con filosofía)… seguen a funcionar tan ben coma sempre.
‘Guti’ ilustra as historias da súa terra coas ferramentas que máis a man pode ter un narrador oral: Imita as voces dos protagonistas; peta cos pés no chan cando chaman as portas; canta as coplas argalleiras coas que se retrucan entre eles os participantes destes enredos… e mesmo baila cando o conto recala no campo da festa.
A súa sesión de contos remata con grandes aplausos por parte dos asistentes.
Quizais o único ‘pero’ desta función sexa precisamente, que se ben o público pasao en grande, a asistencia a esta sesión é comedida, rondando a veintena de espectadores.
A cousa muda na sesión que da comezo acto seguido a cargo de Quico Cadaval, na que ‘Guti’ tamén estará presente entre o público e na que acabará por ter un inesperado papel.
Foto: Mino Andrade – Texto: Marcos Estebo
Comments