Rockeando coa Ramona pequena | Público familiar | Concerto e contos
Contaremos e cantaremos a historia da Ramona pequena. A máquina do tempo leva a Ramona a súa infancia, Vivimos así unha nova aventura didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe.
Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con 6 aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. Adoraba perderse entre as páxinas de Xulio Verne, A volta ao mundo en 80 días, 20 mil leguas de viaxe submarino, Viaxe ao centro da terra e sobre todo un que lle espertaba a mais grande das curiosidades, Da terra á lúa, que lía unha e outra e outra vez. A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería mais grande que o Sol?
Moitas personaxes poderedes coñecer neste novo espectáculo, como a profe Lupe, que sempre escoitaba atenta as dúbidas da pequena, ou á súa amiga furona Nora, coa que consigue viaxar ata a Lúa! Con estas e outras personaxes chegaremos á fin desta viaxe, que nos ensina que a imaxinación non ten límites, a nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade.
Un espectáculo para compartir coas máis pequenas e coa familia. Pakolas tamén incluirá nesta montaxe algún dos seus éxitos anteriores dos libros Pakolas e Ramona Órbita, a dona do tempo.
Narradores/as
Contos de revolución entre Brassens e Neira Vilas | 60 min
Disque cando unha bolboreta axita as súas ás en Australia, pode provocar un furacán en América. Tamén chamada teoría do caos. A revolución do caos, non chega cunha bolboreta, nace con Neira Vilas, mellor con “Memorias dun neno labrego”, e xa non hai volta, arrástrao todo. Unha revolución que nos vai levar desde Bos Aires ata a caída do muro de Berlín. Esta viaxe vai facer parada en maio do 68, nas barricadas de París, na chegada dos Tamara a sala Olympia e nos movementos anarquistas acompañados de Brassens. Unha banda sonora en francés que nos vai acompañar neste camiño da revolución provocada por “Memorias dun neno labrego”.
Procúrase Pepa a Loba | Público familiar / infantil
no 1890. Inauguración da taberna de Pepa a Loba. A súa gavela ó completo: Xan Quinto “o vello”, Maninocente e Calamity Jane celebran este día tan esperado, mais… un cobizado tesouro agóchase moi preto e só ela sabe o segredo. Precisa da túa colaboración… Atréveste?
Trátase dun contacontos interactivo onde a danza e a música se funden coa natureza, poñendo en valor a amizade e a perspectiva de xénero.
Son no berce | Bebés
Concerto sensorial para bebés.
Contos para orellas abertas | Infantil (+4 anos) | 50 minutos
Sesión de contos marabillosos para público a partir de 4 anos. A sesión ten unha duración de 50 minutos.
Contos de sapos, bruxas e curuxas | Público familiar | Galego
Non todo o mundo sabe que as bruxas son intelixentes, as curuxas astutas e os sapos valentes. Non todo o mundo sabe que as bruxas son astutas, as curuxas valentes e os sapos intelixentes. Non todo o mundo sabe que os sapos son astutos, as curuxas intelixentes e as bruxas valentes. Pero para iso están os contos, para lembrarnos o que esquecemos desde o inicio dos tempos.
Camiños de mar, terra e vento | Público familiar | Galego
Polos camiños da terra van quen queren chegar lonxe, de vagar, atopando atrancos, e persoas descoñecidas, e aventuras fantásticas ou pequenas peripecias, perigos, sorpresas.
Polos camiños do aire van quen adiviñaron como voar, coa axuda de paxaros ou alfombras, de vasoiras ou de rachas de vento.
Polos camiños do mar van quen esperan atopar illas misteriosas, música feita por ondas e sereas, baleas brancas, luras xigantes, tesouros que poden non ser de ouro nin de prata, senón de corais e criaturas das profundidades.
E os contos viaxan, de boca en boca, pola terra, polo mar e, sobre todo, polo aire.
Contar para vivilo | Público adulto | 60 min
Unha sesión de historias, contos, lerias e parrafadas sobre outras xentes, outros mundos e outros tempos, nun espectáculo para xente deste mundo e deste tempo. Humor, emoción e memoria coa palabra como único recurso.
Canto conto temos!
En todas partes pasan cousas que merecen ser contadas. Algunhas son pequeniñas, outras dan para un guión de cine ou televisión. Algunhas cousas só pasaron nese sitio, outras pasaron tamén noutro, pero só alí pasaron como alí. E hai cousas que non pasaron alí pero, oes, talmente como se tivesen pasado alí! E non son cousa do pasado os contos, non. Conto algún que saíu de poñer a orella nunha conversa de bar.
Canto conto temos!
Pero é que cada sitio é un mundo e cada conto é unha gran historia.
Vicio houbo sempre | Público adulto | 60 min
Vicio: Hábito ou costume de actuar de maneira contraria á moral ou ás normas sociais establecidas.
Os últimos anos Atenea García estivo recollendo historias de vida de mulleres de máis de 85 anos que moitas veces remataban falando de pracer e de sexualidade. A primeira conversa naceu cunha frase: “Vicio houbo sempre, gracias a Dios!” E logo seguíronlle outras tantas: “Eu nacín moi cedo”, “Iso antes non che era así” ou “Ai se fora hoxe…”. Así as mulleres foron falándolle de todas esas cousas supostamente prohibidas e deixando entrever que aquilo de chegar virxe ao casamento pasaba ás veces pero outras non, que sempre houbo vida nas marxes! Atenea recolleu as súas historias e preséntaas nesta proposta de narración oral para adultas.